Propostas do Concello da Pobra do Brollón para este verán

Propostas do Concello da Pobra do Brollón para este verán

Xullo 10/concello/Xeral

O Concello da Pobra do Brollón organiza visitas guiadas este verán a algúns dos principais recursos turísticos do Municipio: Castro de San Lourenzo, Adegas de Vilachá, Adegas da Memoria e Cova das Choias.

As citas no Castro de San Lourenzo permiten coñecer un castro mineiro de 2.000 anos reocupado en época medieval. Esta proposta propón descubrir da man dos veciños o pasado e o presente deste lugar. As visitas, dunha hora de duración, son de balde e terán lugar os martes e xoves ás 17.00 e os mércores e venres ás 11.00.

Para as Adegas de Vilachá cóntase con duas propostas, a primeira para visitas dunha hora de duración e cun prezo de 3€ que inclúe cata nas adegas, terá lugar os martes e xoves ás 11.00 e os mércores e venres ás 17.00. Na outra proposta proponse a versión extendida de 2 horas, paseo ata o miradoiro da Capela e cata. Cun prezo de 3€ coñeceranse os contos, arqueoloxía e viño do lugar. As citas serán os sábados e domingos ás 12.00 da mañá.

As visitas á Cova das Choias faranse os sábados e domingos ás 17.00. Nesta actividade de balde, cunha hora de duración, visitarase esta cova que conta con musgo luminiscente e unha importante colonia de morcegos.

Estas actividades desenvolveranse entre o 15 de xullo e o 31 de agosto creando grupos mínimos de 5 persoas. Para participar é necesario inscribirse por whatsapp no teléfono 650 624 828. Con estas propostas desde o Concello continúase coa estratexia turística baseada en proxectos comunitarios, como apunta o Alcalde, Xosé Lois Maceda, “O noso modelo turístico baséase na xente, nos veciños dos diferentes lugares. Na programación deste ano Vilachá ten moita presenza despois do éxito de Adegas da Memoria e o marco de candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.”



RELATED POSTS