Este venres 27 de novembro comeza o XVII Concurso de Tapas da Guimaralia, organizado polo Concello da Pobra do Brollón. O certame estenderase ata o venres 4 de decembro, coa participación de cinco locais do municipio: Bar Avenida, A Vella Taberna e O Pirata na Pobra do Brollón; A Salanova en Salcedo e O Fogón en Cereixa.
As tapas sométense a votación popular para elixir as tres mellores propostas. A votación realízase mediante as tarxetas de voto dispoñibles nos locais participantes. As tarxetas deben ir debidamente seladas por todos os bares, entrando así nun sorteo dun circuíto termal para dúas persoas no Hotel Balneario Iberik Augas Santas de Ferreira de Pantón.
O remate do Concurso de Tapas dará paso aos XIV Cantos de Taberna que se celebran o sábado 5 de decembro a partir das 18:30 nos mesmos locais.
As propostas da edición 2026 do Concurso de Tapas da Guimaralia son ‘Delicias de Outono’ (Bar Avenida), ‘Tosta Cereixá, a tentación nun bocado’ (O Fogón), ‘Tentación de Brollón’ (O Pirata), ‘Patacas con conto’ (A Salanova) e ‘Tosta Barbao’ (A Vella Taberna).
Os pinchos foron catados previamente polos cociñeiros profesionais Diego Martínez e Martín Mantilla, co obxectivo de garantir os estándares de calidade das tapas e asegurar o cumprimento das condicións.
As tapas do concurso teñen un prezo único de 1,50€. Pódense probar en horario de 12:00 a 14:00 e de 19:00 a 22:00 horas, todos os días excepto luns 30 no Fogón e na Vella Taberna, e mércores 2 na Salanova.





