Conmemoramos o Ano Castelao con teatro e unha exposición

Conmemoramos o Ano Castelao con teatro e unha exposición

22 Agosto 2025/concello/Cultura

Na conmemoración do 75 cabodano de Castelao, o Concello da Pobra do Brollón acolle unha exposición e unha obra teatral sobre a obra dun dos intelectuais galegos máis influentes, grazas a unha colaboración coa área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A exposición 'Sempre en Galiza. 1944-2024' é unha mostra dedicada á obra cume de Castelao e ao seu impacto no pensamento político e no nacionalismo galego. Trátase dunha serie de paneis con textos explicativos, fotografías e debuxos do autor que se poden visitar no salón de actos da Casa da Cultura 'Olga Novo'.

Dende hoxe ata o 29 de agosto, pódese visitar a exposición de luns a venres en horario de 10:30 a 13:30, pasando previamente pola Biblioteca municipal para solicitar a chave.

O sábado 30 de agosto, tamén na Casa da Cultura, terá lugar a obra teatral 'Cousas de Castelao' da compañía Os Quinquilláns. A peza é unha divertida versión da colección de relatos Cousas que transita entre a traxedia, a comedia e a farsa e na que están presentes os grandes temas da obra orixinal: ecoloxía, solidariedade, emigración, xustiza social...

O espectáculo comezará ás 20:30 horas visita teatralizada á exposición 'Sempre en Galiza'. Ás 21:00 horas, tras un descanso duns minutos no o que público pode seguir a ver a exposición, comezará a obra teatral cunha duración aproximada de 55 minutos.



RELACIONADO