Historia

O municipio da Pobra do Brollón conta con manifestacións de asentamentos desde o terceiro milenio A.C. Pódense atopar túmulos megalíticos en Vilachá, Salcedo, Parada dos Montes, Ferreiros, Castrosante, Castroncelos, Canedo, Óutara.

Cos romanos comezou a explotación mineira na Pobra do Brollón. As especiais condicións climáticas e do chan, xunto coas riquezas mineiras do municipio, en especial de ouro, enche de castros o seu territorio, con 15 catalogados nestes momentos. Destes castros galaico-romanos (de nova construción) uns poucos adicábanse á agricultura, e os máis ao aloxamento do persoal que traballaba nas minas de ouro. Nuns castros, nos máis próximos ás minas, vivían os mineiros; noutros, os encargados de reparar as presas e caldeiras que traían a auga ás explotacións; noutros, os soldados, administradores, fundidores,...e os artesáns que reparaban e construían as ferramentas necesarias. Testemuñas da importancia da riqueza mineira do ouro, encóntranse espalladas por toda a superficie do municipio. Son exemplos desta riqueza a mina explotada polo sistema de peites dos Medos e a de ruina montium da Lama.

Bosque A Pobra do Brollón

A presenza dos godos (suevos), está referenciada pola existencia duns poucos topónimos, como son os de Esmoriz, Tudriz, Domiz, Recemunde, Guariz; todos eles preto de castros galaico-romanos.

A partires do século IX, nos documentos de doazóns e de foros dos mosteiros de Samos, San Vicente do Pino, Ferreira de Pantón, Meira, Oseira, Montederramo, Celanova,...comezan a ser citadas as igrexas e lugares de Terras de Brollón.

Lugares como Salcedo, Cereixa, Barxa do Lor, Brollón, Ferreiros, Ferreirúa, Lamaigrexa, Domiz, Saa, Castrosante, Liñares, Martul, Canedo... xa aparecen neses documentos, o cal fai supoñer que estaban poboados dende moito antes, posiblemente dende as repoboacións do bispo Odoario e a súa familia (século VIII). Houbo dous mosteiros de moi corta vida: un en Vilachá e o outro en Ferreiros. As xentes adicábanse ao cultivo do centeo, ao viñedo e á horticultura. Criaban ovellas, cabras, pitas e coellos.

A partires de finais do século XIII, xunto aos lugares anteriores, comeza a aparecer nos documentos un novo, Puebla do Brollón o Puebla de San Pedro. Parece ser que foi o Rei de Castela, Sancho IV, quen outorgou o documento fundacional (sobre un vello castro mineiro) do lugar, a carta-puebla; e que o seu herdeiro, Fernando IV o ratificou. Neste documento contíñanse os repartos de terras, deberes e dereitos que se lles concedía aos poboadores da Pobra do Brollón e das súas doce aldeas; e un dereito moi importante, como era o de depender directamente do propio rei. A repoboación propiciada pola citada carta-puebla foi un éxito demográfico e económico, como se demostra polas rendas anuais que tiñan que pagar. A partires de entón, A Pobra do Brollón aparece en documentacións e mapas. A este desenvolvemento económico non debeu ser allea a súa situación estratéxica no obrigado paso de xentes e mercadorías, que querían entrar ou saír de Galicia polo camiño natural do val do río Sil. A presenza das ordes Hospitalarias e de Santiago nas Terras de Brollón así o confirman.

O 30 de xullo de 1477, o rei Fernando o Católico, nun documento datado en Medina del Campo, cédelle a don Pedro Álvarez de Osorio (primeiro Conde de Lemos), todos os dereitos e rendas (ascendían a máis de 20.000 maravedíes) que a coroa tiña na Pobra do Brollón. Rematan así as liortas que a nobreza viña tendo pola posesión das Terras do Brollón, e que comezaran o 23 de agosto de 1424, cando don Fadrique, señor de Monforte, anexionou A Pobra a Monforte, xunto coas súas doce aldeas.

Ser un pobo de homes dependentes do rei ou dos seus administradores, un pobo de homes libres da xurisdicción de nobres e da igrexa, un pobo de homes ceibes defensores dos seus dereitos, motivou a participación de María Castaña, do Coto de Cereixa, nas sublevacións do pobo de Lugo contra os abusos do bispo da cidade (s. XIV). Pasados uns anos, todo o pobo da Pobra do Brollón protestou contra os atropelos e pagos das rendas reais ao Conde de Lemos, na coñecida como revolta dos Guímaros, feito que a tradición popular conservou ata hoxe.

A partires do século XV, a pesares das reformas da administración propiciadas polos Reis Católicos e os seus descendentes como soberanos de todo o Estado, as Terras de Brollón continuaron vinculadas á Casa de Lemos, ata as reformas administrativas do século XIX. A súa economía centrábase na agricultura (centeo e viño), gandaría e a explotación das minas de ferro, principalmente a Cova das Choias e A Veneira de Roques, (que chegou a ter 37 mineiros) que procuraban de mineral a todas as ferrerías do contorno, incluídas as tres do termo: Ferrería de Biduedo, Ferrería da Barxa do Lor e a Ferrería de Loureiro.

A chegada do millo e a da pataca, a finais do século XVIII, contribuíu a un importantísimo crecemento demográfico, o que obrigou a explotar terras baldeiras ata entón e a construír novos pobos. A finais do século XIX, as viñas sufriron a peste da filoxera que obrigou a abandonar o seu cultivo ata mediados do século XX.