O XVI Concurso de Tapas da Guimaralia arranca este venres 28 e durará unha semana

O XVI Concurso de Tapas da Guimaralia arranca este venres 28 e durará unha semana

27 Novembro 2025/concello/Cultura

A partir deste venres 28 de novembro ata o venres 5 de decembro, poderanse degustar as propostas do XVI Concurso de Tapas da Guimaralia e entrar nun sorteo votando pola tapa favorita. O remate do Concurso de Tapas dá paso aos Cantos de Taberna que se celebran o sábado 6 de decembro. Ambos eventos están organizados polo Concello da Pobra do Brollón.

Participarán no concurso cinco locais: Avenida, A Vella Taberna, Primeiro de Maio e O Pirata na Pobra do Brollón e mais A Salanova en Salcedo.

Os pinchos foron catados previamente polos cociñeiros profesionais Diego Martínez e Martín Mantilla. Esta cata está dirixida a garantir os estándares de calidade das tapas e asegurar o cumprimento das condicións.

Como en edicións anteriores, a elección do primeiro, segundo e terceiro premio será por votación popular. Cada votante debe marcar a súa tapa favorita nunha tarxeta de voto debidamente selada por todos os bares participantes, entrando así nun sorteo dun circuíto termal para dúas persoas no Hotel Balneario Iberik Augas Santas de Ferreira de Pantón.

As tapas do concurso teñen un prezo único de 1,50€. Pódense probar en horario de 12:00 a 14:00 e de 19:00 a 22:00 horas.

O Concurso de Tapas terá lugar dende o 28 de novembro ata o 5 de decembro, dando paso aos XIII Cantos de Taberna que terán lugar a partir das 18:00 horas do sábado 6 de decembro.



RELACIONADO