A Pobra do Brollón prepárase para a celebración do Entroido

A Pobra do Brollón prepárase para a celebración do Entroido

31 Xaneiro 2020/concello/Xeral

O Entroido é unha das datas máis singulares no calendario de celebracións na Pobra do Brollón. Ten dous focos principais, a propia capitalidade da Pobra e a parroquia de Salcedo, co Oso como gran protagonista.

Tras os Xoves de Compadres e Comadres, as celebracións comezan a tarde do sábado 22 de febreiro no centro da Pobra cun desfile de disfraces, comparsas e carrozas, e amenizado por unha charanga. O desfile sae do cruce da estrada de Saa ás 17:00. Ao remate haberá entrega de premios aos mellores deseños na Casa da Cultura ‘Olga Novo’. Consulta neste PDF os premios e información para participar.

A partir da noite do sábado, Salcedo pasa a ser o escenario principal do Entroido ata o fin das festas. Comézase coas tradicionais funcións de teatro nas que participan grupos de teatro afeccionado de nenos e adultos. As súas obras representaranse a partir das 22:00 no local multiusos de Salcedo. De seguido, haberá baile co dúo Sabor Latino.

Ao día seguinte, ás 17:00 do domingo 23, saen as figuras tradicionais de Madamas e Danzantes para percorrer Salcedo cun pasarrúas. Ao remate, ás 17:30, será o pregón no local multiusos. Máis tarde, a partir das 20:00, continúa no local a festa cun dúo e despois, unha segunda sesión de teatro que rematará en máis baile coa orquestra La Ocaband. 


Madamas e Danzantes / Foto: Felipe Castro

O Oso e o Oso pequeno saen da súa hibernación

A tarde do luns 24 a partir das 17:00 é o momento máis esperado por moitos, cando sae o Oso da súa hibernación para percorrer as rúas de Salcedo e, coa axuda dos seus criados, barnar co seu feluxe a quen atope polo camiño. Anteriormente, sae o Oso pequeno para ir a polos máis novos. A festa do luns remata novamente no local multiusos cunha cea popular e as orquestras Compostela e Principal, todo a partir das 21:00.

O martes 25 aínda continúa a festa en Salcedo con animación para nenos a partir das 18:00 e despois, a partir das 19:00, actuación da orquestra Los Satélites e paellada popular. Quen asista pode participar no concurso de disfraces, no que ofreceranse premios en metálico por grupos de máis de 5 persoas (100€), parellas (50€) e individuais (25€). 


Oso de Salcedo cos seus criados / Foto: Felipe Castro

Comadres e compadres para quentar motores

Aínda que moitos veciños e veciñas xa están a ensaiar para o teatro de Salcedo ou a elaborar o seu disfrace, para algúns pequenos os preparativos da festa comezarán o venres 7 de febreiro, cando ten lugar o primeiro obradoiro de compadres, comadres, caretas e disfraces. O obradoiro, dirixido a nenos e nenas, é na Casa da Cultura de 17:00 a 18:30 da tarde. No mesmo lugar e á mesma hora haberá outro obradoiro o venres 14. 

As figuras que se elaboren nestes dous obradoiros presentaranse ao concurso de comadres e compadres que se celebra os xoves 13 e 20 de febreiro con dúas modalidades: individual e colectiva. Para participar hai que inscribirse antes do mércores 12 (compadres) e mércores 19 (comadres). Consulta todas as bases do concurso neste PDF. 

As figuras colectivas colocaranse xa pola mañá no lugar elixido polos participantes: en locais comerciais, asociacións, no colexio... As figuras da modalidade individual concentraranse diante do Concello a partir das 18:30 para a súa valoración e posterior queima. Ao remate de cada xornada haberá unha chocolatada na Casa da Cultura. 



RELACIONADO