En pleno 2025, Hungría converteuse no primeiro país do mundo democrático en prohibir as marchas do Orgullo, mentres outros países como Polonia ou Bulgaria, continúan coas súas políticas discriminatorias. Tamén no estado español, hai concellos que vetan as bandeiras do arco da vella, poñen trabas a unha educación afectiva e sexual inclusiva e espallan os discursos de odio.
Neste mesmo 2025, cúmprense 20 anos da entrada en vigor do matrimonio igualitario en España, tras moitos anos de loita e activisimo.
Desde entón, avanzamos en dignidade e recoñecemento da diversidade, mesmo hoxe temos unha Lei LGTBIQ+. Pero a ameaza de perder os nosos dereitos segue sendo real.
Os dereitos LGTBIQ+ érguense como fronteira da democracia fronte á vaga reaccionaria que percorre o mundo e que xa chega a Europa e ao noso país.
A igualdade real para as persoas LGTBIQ+ aínda está lonxe de alcanzarse. Segundo datos da Federación Estatal LGTBI+, 7 de cada 10 persoas LGTBI+ non poden amosarse abertamente no seu entorno laboral e tan só no último ano, un 22% das persoas LGTBI+ experimentou algún tipo de discriminación.
Non podemos ficar impasibles. A ameaza é real e a loita é precisa.
Dende o equipo de goberno da Pobra do Brollón, defendemos un modelo social de progreso e convivencia onde todo o mundo teña cabida en igualdade de condicións, sexa cal sexa a súa identidade, fronte a quen quere impoñer a súa visión estreita e monolítica.
Defendemos unha sociedade libre de discursos de odio, que son a antesala dos delitos e agresións que nos últimos tempos non deixan de medrar.
Defendemos medidas específicas que cheguen ao ámbito rural, onde as persoas LGTBIQ+ padecen aínda máis discriminación e, nalgúns casos, situacións de illamento.
Hai 20 anos demostramos que outro país era posible: un máis xusto, máis libre, máis igualitario. Agora máis ca nunca, defendamos con Orgullo os nosos logros, celebremos a diversidade e loitemos pola xustiza, a igualdade e os dereitos de todas as persoas.