Emotivo acto de dignidade e xustiza na Pobra do Brollón para entregar ás súas familias os restos de dous represaliados.

Emotivo acto de dignidade e xustiza na Pobra do Brollón para entregar ás súas familias os restos de dous represaliados.

30 April 2018/concello/Xeral

A Casa da Cultura “Olga Novo” acollía este sábado o acto de entrega dos restos dosastre José Rodríguez Silvosa e do gandeiro Ramón Somoza, asesinados polo franquismo en Castroncelos en 1938. Os dous monfortinos participaron na resistencia organizada en Monforte de Lemos contra a sublevación franquista. Despois de estar moito tempo fugados, no 38 son detidos e asesinados.

Os seus restos foron recuperados en Castroncelos por voluntari@s da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica cando buscaban aos irmáns García Moral,… e o sábado eran entregados ás súas familias. Durante o acto interpretouse a marcha do Antigo Reino de Galicia, leuse un texto da poeta local, Olga Novo, fíxose unha  ofrenda floral que despois se repetiría na igrexa de Castrocelos e entregáronselles aos familiares os obxectos persoais atopados nas fosas.

A homenaxe comezaba diante da casa consistorial cunha ofrenda floral como homenaxe e recordo de tod@s @s represaliad@s. Xa na casa da cultura foi momento tamén para lembrar a Antonio Reboiro Rodríguez, exalcalde da Pobra do Brollón represaliado en 1936.

O alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, insistiu no papel que teñen que xogar as administracións para conseguir que se cumpla a Lei de Memoria Histórica e contribuír a devolver a dignidade ás vítimas. Sinalou que hai que seguir traballando para avanzar na normalidade democrática e anunciou que o BNG presentará unha iniciativa para impulsar unha Lei Galega de Memoria Histórica.

No acto que rematou cun xantar de confraternidade, interviron tamén, o alcalde de Monforte, José Tomé; Víctor Bermúdez, neto de Silvosa; José Antonizo Somoza, sobriño neto de Somoza; o escritor Xulio Varcárcel, o arqueólogo Xurzo Ayán e representantes da Asociación para Recuperación da Memoria Histórica.



RELACIONADO