Volven as foliadas guímaras polas parroquias co 'Foligrelo de Fornelas'

Volven as foliadas guímaras polas parroquias co 'Foligrelo de Fornelas'

02 Xuño 2022/concello/Cultura

As foliadas organizadas polo Concello da Pobra do Brollón volven a xirar polas parroquias guímaras. Este sábado 4 de xuño tócalle á parroquia de Fornelas, en colaboración coa Asociación Veciñal A Fonte da Freita.

No evento, bautizado polos organizadores como Foligrelo de Fornelas, ofrecerase caldo cortesía da Asociación Veciñal. Ademais haberá barra e cuncas á venda, o importe das cales destinarase ás festas da parroquia. 

A foliada estará amenizada por Uns Gaiteiros, grupo formado por músicos da Pobra ou afíns. Ademais, por suposto, de calquera persoa que queira participar co seu instrumento.

O ciclo de foliadas guímaras polas parroquias é unha iniciativa municipal que naceu en 2019 coa idea de descentralizar a programación cultural dinamizando os locais sociais repartidos polo municipio. 

Tras celebrarse en Salcedo, Óutara e A Ferreirúa, este “foligrelo” é a primeira foliada descentralizada que se celebra dende o parón pola pandemia. 

A foliada será no local social en construción de Fornelas. Comezará a partir das 19:00 horas e o acceso é totalmente libre. En caso de chuvia, haberá un novo emprazamento en Fornelas, do que se informará nas redes sociais do Concello da Pobra do Brollón.



RELACIONADO