Este sábado 6 de decembro a partir das seis da tarde chegan os XIII Cantos de Taberna da Pobra do Brollón coa participación de dez agrupacións procedentes tanto da Pobra do Brollón como doutros municipios da bisbarra.
Todos os grupos pasarán ao longo do serán por cinco bares do municipio: Avenida, Bar Pirata, Primeiro de Maio e Vella Taberna na Pobra do Brollón; e mais Salanova en Salcedo. O circuíto rematará arredor das dez da noite, aínda que, como noutros anos, a festa continuará polos bares a modo de foliada.
As agrupacións locais participantes son Cantareiras de Fornelas, Os Corenta e Chinco, Os Somontanos e a Escola de Música Samoeiro. De fóra do concello participan Os Bochetas do Sil (Sober), Os Ministreles (Monforte), Os Parrandas (O Barco de Valdeorras), Os Tarabelos (O Saviñao), Son do Mao (Bóveda) e Triskeles (Monforte).
Dende o Concello da Pobra do Brollón lembramos ademais que esta semana continúa o Concurso de Tapas da Guimaralia, sendo este venres 5 o último día para degustar os pinchos e participar na votación popular e sorteo.
