Manifesto 8M: A Pobra do Brollón mira máis alá

Manifesto 8M: A Pobra do Brollón mira máis alá

09 Marzo 2026/concello/Xeral

Neste 8 de marzo, dende A Pobra do Brollón, alzamos a voz para facer un chamamento á conciencia colectiva: Mira máis alá!

Se xulgas polas aparencias ou se as túas ideas sobre a muller rural son clichés, estás a ver unha realidade distorsionada.

No rural, a desigualdade ten unha expresión especialmente agravada.

Mira máis alá da paisaxe e verás a mulleres que seguen a ser tratadas como man de obra invisible e estruturalmente precarizada.

Mulleres que sostiveron a vida nas nosas aldeas, pero que ao chegar á xubilación afrontan a pensión media máis baixa de todo o Estado.

Esta precariedade é o resultado directo dunha falta de vontade política para garantir unha igualdade real dende as institucións estatais e autonómicas.
 
Mira máis alá das portas das nosas casas. Se as mulleres da Pobra do Brollón asumimos en solitario a carga dos coidados, é pola inacción de quen ten a competencia de protexernos. Denunciamos:

  • O abandono da Dependencia e os Maiores: A Xunta de Galicia aposta por privatizar coidados a través de bonos, cargando sobre as familias —e sobre as mulleres— a responsabilidade que debería soster o sistema público.
  • A precariedade nos servizos esenciais: O colapso en servizos como o SAF (Servizo de Axuda no Fogar) ou as residencias son responsabilidade directa do goberno autonómico.
  • A falta de conciliación e transporte: No noso rural, a escaseza de prazas en residencias, escolas infantís e a falta de transporte público axeitado son barreiras que nos impiden decidir sobre as nosas propias vidas.

 
Fronte ao relato de "igualdade conseguida", as mulleres da Pobra do Brollón non aceptamos que o empobrecemento xeral oculte unha fenda salarial que en Galicia é a maior en termos absolutos, acadando os 4.706 euros.

Necesitamos unha axenda galega propia que obrigue á administración autonómica a pasar das palabras aos feitos, con orzamentos e servizos reais para as mulleres do rural, para nós.

Hoxe, queremos facervos entrega dun pequeno espello. Non é só un obxecto; é un símbolo do noso compromiso colectivo.

Cando vos miredes nel, mirade máis alá da imaxe que os estereotipos queren proxectar de vós:

  • Vede o reflexo de mulleres que esixen dereitos e servizos públicos dignos.
  • Vede o motor dun cambio que reclama xustiza para a nosa terra.
  • Vede a forza dunha Pobra do Brollón que, ao avanzar, fai que toda a sociedade dea un paso ao fronte.
  • Vede como sodes vós mesmas un reflexo da igualdade.
  • Vede como mirades máis alá!

E nun día coma hoxe non podemos esquecer a todas aquelas persoas que están a vivir en calquera dos máis de 130 conflitos armados, guerras coma Irán, Gaza, Ucraína, Siria, Sudán e moitas máis nas que coma sempre as mulleres, nenas e nenos son as primeiras e principais vítimas, vaia hoxe o noso aplauso tamén para elas como símbolo do noso apoio.

 



RELACIONADO