A Pobra do Brollón, en negro contra as violencias

A Pobra do Brollón en negro contra as violencias

A Pobra do Brollón, en negro contra as violencias

19 Novembro 2019/concello/Xeral

Con motivo do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, sumámonos á campaña En Negro Contra as Violencias. Unha iniciativa de sensibilización social que busca unha resposta colectiva de rexeitamento das violencias de xénero e mais dos asasinatos machistas.

Este ano –segundo datos oficiais–  foron asasinadas 51 mulleres en España, sen contar as mortes ‘colaterais’, asasinadas por estar ao lado da vítima, por ser irmá, filla ou nai. No caso de Galicia o contador suma xa cinco. Os asasinatos son a consecuencia máis extrema das violencias machistas, pero son moitas máis e de moi diferentes formas as violencias que rodean ás mulleres. 

Para poñer de manifesto e denunciar todas estas violencias, o Concello da Pobra do Brollón súmase á campaña En Negro Contra as Violencias. Repartiranse carteis polos comercios e negocios locais para procurar tinguir o concello de negro. O luns 25 ás 11:00 da mañá haberá diante do Concello unha concentración na que se gardará un minuto de silencio en contra das violencias machistas.

Dende o Concello anímase a todos e todas os veciños/as a acudir á convocatoria e a poder ser, con algunha prenda de vestir negra. Repartiranse bolsas de tea, chapas e pulseiras para que cada unha de nós colabore en difundir a mensaxe. 

Despois da concentración, ás 11:30, haberá unha sesión de contos pola igualdade con Ana Hermida na Casa da Cultura ‘Olga Novo’, na que tamén participarán as nenas e nenos do CEIP A Pobra do Brollón. É unha actividade de entrada libre á que está todo o mundo convidado.



RELACIONADO