Amador Castro presenta na Pobra a novela ‘Pillabán, pillabán’ sobre a historia de María Castaña

Amador Castro presenta na Pobra a novela ‘Pillabán, pillabán’ sobre a historia de María Castaña

Xullo 25/concello/Cultura

Este domingo 28 ás 19:00 na Casa da Cultura da Pobra do Brollón, o escritor chantadino Amador Castro Moure, gañador dos Premios Xerais 2019 a mellor novela por Shanghai a Barcelona, presentará a súa novela Pillabán, pillabán, ambientada nos tempos de María Castaña.

É precisamente esta expresión – ‘os tempos de María Castaña’ – o que fixo á personaxe coñecida por todo o Estado. Pero poucos saben a súa historia e orixe. Na busca por saber máis foi como acabou o escritor Amador Castro Moure na parroquia brollonesa de Cereixa.

“María Castaña representa a rebeldía fronte aos abusos de poder que caracteriza aos guímaros. Calquera iniciativa que axude á unión arredor da nosa identidade como pobo é máis que benvida”, comenta Ricardo Rodicio, concelleiro de Cultura da Pobra.

Os residentes en Cereixa sempre falaron da súa veciña medieval María Castaña, incluso localizando a súa suposta casa. Tal é a importancia da personaxe na parroquia que a Asociación de Veciños leva o seu nome. Un membro da asociación, o arqueólogo e historiador Xurxo Ayán, investigou a súa historia e atopou a pouca documentación medieval existente.

No proceso de creación da novela, Amador Castro reuniuse con Ayán e foi ver en primeira persoa o lugar de orixe de María Castaña. A acollida polos veciños, as historias que lle contaron, alentaron ao novelista a crear a súa novela Pillabán, Pillabán. “Os veciños de Cereixa foron os que me motivaron a seguir coa novela”, comenta Amador Castro.

Pillabán, Pillabán recolle este proceso de investigación, aínda que Amador Castro incide no carácter de ficción do libro. “María Castaña ten unha presenza constante, pero ausente”, apunta o autor. A novela parte dunha reunión familiar dos fillos de María Castaña, uns corenta anos despois da perda dos bens da familia, para relatar unha Galicia convulsa entre abusos de poder.

Este domingo 28 estará o novelista na Pobra do Brollón para presentar o libro xunto con Xurxo Ayán. Será ás 19:00 da tarde na Casa da Cultura ‘Olga Novo’. A presentación de Pillabán, Pillabán enmárcase nunha ampla oferta cultural este verán na Pobra do Brollón e que pode consultarse na web e redes do Concello.



RELATED POSTS