Como nos afectan as restricións á actividade agrogandeira durante a emerxencia sanitaria

Como nos afectan as restricións á actividade agrogandeira durante a emerxencia sanitaria

Marzo 26/concello/Xeral

A Xunta de Galicia publicou onte no DOG (Diario Oficial de Galicia) unha orde da Consellería do Medio Rural pola que adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación co Covid-19. 

O texto completo pódelo consultar nesta ligazón. Aquí resumimos estas medidas, que poden afectar a vida dos nosos veciños e veciñas.

Desprazamentos aos cultivos e viñedos

As persoas agricultoras e viticultoras profesionais e os seus traballadores poderán efectuar os desprazamentos para a realización dos traballos necesarios de atención e mantemento dos cultivos e dos viñedos. 

Terá a consideración de agricultor/a profesional quen estea de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). 

No caso das persoas viticultoras profesionais, poderán acreditalo tamén co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistrado dispensada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe.

No que atinxe ás persoas que teñan cultivos ou viñedos considerados de autoconsumo, poderán realizar os desprazamentos mínimos e imprescindibles para o mantemento e atención, sen que o desprazamento poida supoñer unha distancia superior a 500 metros da súa vivenda habitual. 

Ademais, en ningún caso poderá haber máis de dúas persoas na parcela e estas deberán respectar en todo momento as distancias de seguridade e demais protocolos de prevención establecidos pola autoridade sanitaria.

En relación coa acreditación da necesidade de desprazamento, nas actividades agrarias consideradas de autoconsumo poderá realizarse coa presentación do carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios. No caso das persoas viticultoras, poderán acreditalo con dito carné ou coa tarxeta de rexistrado dispensada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe.

Venda de produtos

Queda prohibida ata o 31 de marzo a celebración dos mercados tradicionais de venda de produtos do agro. Despois desa data, informarase se se levanta ou se mantén a prohibición. 

O texto do DOG tamén acolle medidas que se implantarán nestes mercados unha vez se levante a prohibición, como distancias de seguridade e uso de luvas.

Si está permitida a venda de produtos agrícolas e gandeiros vía telefónica, correo electrónico e similares, servidos polo produtor no domicilio do consumidor. 

Venda de produtos vexetais

Sobre a venda de produtos vexetais para a plantación en hortas, os establecementos que vendan estes produtos poden permanecer abertos.

Ademais, a venda destes produtos poderá realizarse tamén de xeito ambulante. As persoas vendedoras deberán dispoñer do carné básico de aplicación de produtos fitosanitarios. Igualmente, a acreditación polas persoas compradoras farase co referido documento.



RELATED POSTS