Novembro de cine na Pobra do Brollón

Novembro de cine na Pobra do Brollón

Outubro 27/concello/Cultura

O concello da Pobra do Brollón suma novas propostas ás andainas outonizas, as visitas outonizas e os venres caninos, os xoves de cine, coa celebración do I Ciclo de Cinema Galego.

A axenda cultural no concello da Pobra do Brollón amplíase continuamente para ofrecer a veciños e visitantes un outono cheo de propostas no concello. A nova incorporación ás propostas de lecer cultural é o I Ciclo de Cinema Galego. As citas serán todos os xoves de novembro ás 20.00 horas no salón de actos da Casa da Cultura “Olga Novo”. Cada xoves, o plantexamento da xornada será o mesmo, presentación do filme, proxeción e mesa redonda co director ou responsable de realización de película.

O xoves 1 de Novembro abrirase coa proxeción de Sicixia, para a mesa redonda contarase co director Ignacio Vilar. O día 8 proxectarase O canteiro de Sebilpara a mesa redonda contarase con César Caramés, membro de Quinteiro, proxecto comunicativo da comarca do Umia e co arqueólogo Xurxo Ayán. O xoves 15 de novembro a cita será con A Palabra Xusta e na mesa redonda participarán o director, Miguel Piñeiro, e a profe Dora. Angrois no esquecemento será a proxeción do día 22 e intervirán na mesa redonda posterior integrantes do Colectivo Audiovisual Lentes Diverxentes. O punto e final a este ciclo de cine que fará que os xoves de novembro sexan diferentes na Pobra, será con A Esmorga. Da mesa redonda participarán o director, Ignacio Vilar e a poeta Olga Novo. Para a mesa redonda recoméndase aos asistentes (re)ler a novela.

A actividade está aberta a todos os interesados. O obxectivo do equipo de goberno é facer do concello da Pobra un referente cultural no sur da provincia. A dinamización do turismo a través das diferentes actividades programadas ao longo do ano para poñer en valor os recursos propios e, a promoción da nosa cultura con actividades que afondan nas nosas raíces literarias, musicais ou cinematográficas son dous eixos vertebradores desta labor de promoción. A participación nas actividades que se van plantexando desde o concello, é cada vez maior e a Pobra do Brollón comeza ser un referente na comarca para gozar con propostas diferentes nas que a xente é a protagonista principal.



RELATED POSTS