O concello da Pobra do Brollón aposta polo talento local e a diversidade co programa de andainas outonizas “Da man de…”

O concello da Pobra do Brollón aposta polo talento local e a diversidade co programa de andainas outonizas “Da man de…”

Outubro 11/concello/Xeral

O concello da Pobra do Brollón organiza un ciclo de andainas outonizas que se desenvolverán todos os domingos entre o 21 de outubro e o 2 de decembro. Os roteiros, pensados para un público familiar, foron propostos por veciños do concello que farán de anfitrións en cada xeira.

O Concello da Pobra do Brollón presenta un programa de andainas para este outono. As rutas incluirán lugares emblemáticos do concello, pero tamén se recollen propostas nas que se darán a coñecer recantos menos coñecidos do territorio guímaro. 

Para a elaboración dos roteiros contouse coa colaboración da veciñanza, de modo que son veciños do concello que teñen especial relación cos diferentes territorios, os que servirán de anfritrións e guías das súas propostas. “Haberá roteiros máis paisaxísticos e outros con máis narrativa, son propostas persoais, polo que nesa diversidade está o encanto desta proposta” sinala Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón.

“Da man de...”

 

  • A primeira andaina, a do día 21, será a do San Vitoiro, camiñando Da man de Hortensia, filla de Toño da Teixeira. Rematarase cun taquete no San Vitoiro.  
  • O domingo 28 de outubro farase a Ruta poética por Vilarmao, Da man de Olga Novo, escritora. Ao remate haberá pinchos e foliada na aira da Casa do Pescado.
  • Da man de Felipe Castro, axente forestal, farase a andaina do día 4 de novembro, Ruta da Castaña e o mel que rematará coa celebración dun magosto en Paramedela.
  • Da man de Xurxo Ayán, arqueólogo, farase a andaina O Inverno de Eirexalva o día 11 de novembro. Rematarase cun taquete campestre.  
  • 18 de novembro, a cita será coas Pegadas do tempo na Ferreirúa; Da man de Noelia do Castor, para rematar cun taquete campestre. 
  • O domingo 25 de novembro turno para a Ruta Vilachá-Augasmestas, Da man de Puri de Vilachá. Esta andaina rematarase cuns petiscos nas adegas de Vilachá.
  • O punto e final a esta proposta de andainas outonizas será o 2 de decembro co roteiro Camiño de Inverno: Lor-Castro de San Lourenzo. Para o punto e final a esta última andaina celebrarase un xantar no restaurante O Fogón.

Todas as andainas comezarán ás 10.00 da mañá. Teñen unha lonxitude máxima de 10 km. e un prezo de 5 euros. Para participar en cada unha das propostas é necesaria inscrición previa no teléfono 666 435 832.

Segundo o alcalde, Xosé Lois Maceda, este programa de andainas é unha aposta firme polo talento local e pola diversidade. “Temos un territorio moi grande e con moita variedade de paisaxes, con estas andainas outonizas cada domingo coñeceremos unha realidade diferente do Concello. Teremos a visión poética de Olga Novo en Vilarmao ou a da Memoria histórica da man de Xurxo Ayán na ruta do Inverno de Eirexalva, o coñecemento forestal de Felipe Castro na Ruta da Castaña e o Mel, a cultura vinícola con Puri de Vilachá, a visión persoal de Hortensia no San Vitoiro e o apego ao territorio de Noelia”, apunta Xosé Lois Maceda.



RELATED POSTS