O Concello da Pobra do Brollón pon en marcha o proxecto multidisciplinar Adegas da Memoria

O Concello da Pobra do Brollón pon en marcha o proxecto multidisciplinar Adegas da Memoria

Marzo 30/concello/Xeral

O proxecto, Adegas da Memoria, mestura unha nova serie documental do mesmo nome, que afonda na vida cotiá dos veciños da parroquia ribeirá de Vilachá e o estudo científico sobre este territorio e as súas orixes, que tamén se recolle nos audiovisuais.

Este novo proxecto etnoarqueolóxico en Vilachá de Salvadur é unha iniciativa do Concello da Pobra do Brollón e da Asociación de Veciños de Vilachá coa participación do Incipit-CSIC. O proxecto está coordinado polo dinamizador turístico do Concello da Pobra do Brollón, Xosé Gago.

Xosé Gago explicaba que o proxecto se apoia en catro pilares, A Veciñanza, a verdadeira protagonista da proxecto; Os Conventos, xacemento arqueolóxico do Val do Frade; Os Socalcos, elemento definidor da paisaxe da Ribeira Sacra, e as icónicas Adegas  de Vilachá; e que tiña por obxectivo “atopar a verdade detrás das cousas, saír das etiquetas turísticas da Ribeira Sacra como unha paisaxe inmóbil de postal e afondar na orixe e evolución da Ribeira Sacra como elemento vivo.”

Alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, lembraba que “os domingos de Vilachá, actividade tuírstica que se desenvolveu o pasado ano e se manterá no tempo, están un pouco na orixe deste proxecto. Trátase, ademais de iniciativas que promoven e nas que participa a propia veciñanza, o que garante o éxito deste tipo de propostas. É a filosofía que mantemos sempre desde o equipo de goberno, a importancia de que os veciños se impliquen e nós implicarnos coas súas propostas.”

No acto de presentación participaron, ademais, os arqueólogos Xurxo Ayán e Sonia García, a edafóloga Cruz Ferro; o director do Incipit-CSIC, Felipe Criado (que fixo unha intervención online, por non poder acudir), e representantes da Asociación de Veciños de Vilachá e do equipo responsable da serie, Iago Seoane e Rudá Cordaro.

O proxecto conta coa súa propia web https:// adegasdamemoria.com e redes sociais onde coñecer a actualidade da iniciativa e poder ver a serie, que cada xoves contará cun novo capítulo.

arqueólogo, Xurxo Ayán, que o pasado ano estivo ao fronte das escavacións no Castro de San Lourenzo, forma parte tamén deste proxecto do que asegurou “Imos na percura do mosteiro perdido, como Indiana Jones. Todas as pezas do proxecto estamos absolutamente implicadas nesta iniciativa que ten repercusión internacional”.



RELATED POSTS