Olga Novo ofrece un relatorio sobre a represión franquista contra a arte

Olga Novo ofrece un relatorio sobre a represión franquista contra a arte

29 Outubro 2025/concello/Cultura
  • Será o 7 de novembro con motivo da presentación dos 'Diarios' de Syra Alonso, organizada pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica en colaboración co Concello da Pobra do Brollón

A voz de Syra Alonso (A Coruña, 1899 – México, 1970) emerxe dende o silencio do exilio para contar unha das crónicas máis impactantes da Guerra Civil española. Os seus 'Diarios (1935 e 1946)' (Alvarellos Editora) relatan o terror vivido en Galicia e a loita desesperada de Syra por salvar ao seu marido, o pintor Francisco Miguel (A Coruña, 1897 – Carballo, 1936), figura central na arte galega.

Con motivo da presentación da nova edición de Diarios, A Pobra do Brollón acolle unha charla da escritora Olga Novo baixo o título 'A represión contra a Arte. Asasinato do pintor Francisco Miguel a través dos Diarios de Syra Alonso'.

Presentará Carmen García-Rodeja, voceira da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, que organiza o evento en colaboración co Concello da Pobra do Brollón.

Syra Alonso é unha das máis extraordinarias cronistas da represión franquista. O seu home, Francisco Miguel, foi detido polos sublevados o 3 de agosto de 1936 e, vinte e seis días despois, aparecía o seu corpo sen vida, xunto con outras tres persoas, todos cruelmente asasinados. A partir daquel tráxico acontecemento, Syra iniciou a escrita das súas memorias, uns Diarios que non verán a luz ata o ano 2000.

Francisco Miguel foi asasinado xunto a Juan Boedo Pardo, Andrés Pinilla Fraga e Pedro Pinilla Calvete, sendo enterrados en Bértoa, Carballo. Os seus restos non serían identificados ata setembro de 2023, cando foron exhumados pola ARMH.



RELACIONADO