O xoves 13 de novembro acollemos, en colaboración con Os Lactouros, a presentación da segunda edición da Guía micolóxica básica da provincia de Lugo, editada pola Sociedade Micolóxica Lucus. Será ás 20:00 horas na Casa da Cultura 'Olga Novo', A Pobra do Brollón.
A guía é unha obra divulgativa clara e comprensible, pero con contidos igualmente completos e rigorosos, para quen queira iniciarse no apaixonante mundo da macromicoloxía en xeral e da lucense en particular.
Inclúense fichas fotográficas con minuciosas descricións de 202 especies, a maioría frecuentes na provincia, e nas observacións das fichas coméntanse ata 384 especies máis.
A guía dá moita importancia aos conceptos básicos que todo afeccionado debe coñecer para avanzar con seguridade no coñecemento do mundo dos fungos; identificación, toxicidade e comestibilidade, así como uns apuntes de lexislación. Abre cun capítulo dedicado ás características climáticas e medioambientais que conforman a riqueza da provincia.
