Rematado o acondicionamento e humanización da Avda de Outeiro

Rematado o acondicionamento e humanización da Avda de Outeiro

Decembro 26/concello/Xeral

O principal acceso á capitalidade municipal da Pobra do Brollón faise a través da Avda de Outeiro. Nos últimos dous anos esta vía foi obxecto de obras, dentro dunha estratexia global de acondicionamento e humanización do viario do núcleo urbano. No caso concreto destas actuacións buscábase rematar coa fractura urbana que se creaba entre a Avda de Galicia e a rotonda. Fíxose unha nova pavimentación máis acorde co medio, elimináronse barreiras arquitectónicas, colocáronse beirarrúas que lle dan á Avda. presenza de boulevard, prantáronse árbores de sombra e colocouse novo alumeado público, cunhas luminarias que lle  están gustando moito á veciñanza.

Para o equipo de goberno a posta en valor da Avda de Outeiro era unha obra fundamental porque dá acceso peonil a algúns dos principais servizos do Concello, como o Centro de Día, o colexio, o pavillón ou a Escola de Música. As actuacións financiáronse a través de dous convenios que o Concello asinou coa Deputación Provincial. Con esta nova dotación de equipamentos para a zona sur da Pobra, créase un novo espazo totalmente accesible que invita ao paseo e facilita a comunicación dentro da capitalidade municipal. Dando resposta á vontade do equipo de goberno de mellorar a calidade de vida dos veciños e facer da Pobra un lugar agradable e cómodo para vivir.



RELATED POSTS