Remataron as obras para o acondicionamento e humanización da Rúa da Peza

Remataron as obras para o acondicionamento e humanización da Rúa da Peza

04 Xuño 2020/concello/Xeral

Esta semana remataron as obras na céntrica Rúa da Peza da Pobra do Brollón. Trátase dunha zona moi transitada por albergar o Centro de Saúde así como pola proximidade á Casa do Concello.

Ademais de renovar as beirarrúas e a zona asfaltada, creáronse máis espazos peonís e de esparexemento, incluída unha pequena praza con bancos e unha fonte na intersección da Rúa da Peza coa Rúa Central. Os espazos peonís enverdecéronse con árbores e lousa tipo céspede. 

‘Levabamos tempo observando a necesidade de facer unha actuación nesta zona tan usada polos nosos veciños e veciñas,’ comenta o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda. ‘Con estas obras tratamos de humanizar o espazo público e contribuír a facer do noso municipio un exemplo de calidade de vida.’

As obras foron desenvolvidas dentro da liña de subvencións da Consellería de Medio Ambiente, Vivenda e Territorio para mellorar as infraestruturas nos concellos con menos de 50.000 habitantes. 

Do total do custo da obra, un 80% está subvencionado e o 20% restante é cuberto polo Concello.



RELACIONADO