Presentouse este martes ao mediodía o cartel da edición número once do festival As Cores do Outono que se celebrará o sábado 27 de setembro. O evento é organizado polo Concello da Pobra do Brollón co apoio económico da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O alcalde Xosé Lois Maceda e a concelleira de cultura Marián Martínez xunto coa deputada Iria Castro, presentaron hoxe na área recreativa de Samugueiros o cartel deste festival de folk de referencia no sur de Lugo.
Este ano o evento levará á Pobra do Brollón tres propostas musicais moi potentes que mesturan tradición e innovación: Carmela, Lideira e Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre.
Xabier Díaz poñerá sobre o escenario a súa experiencia de máis de tres décadas na escena musical galega e xunto coas Adufeiras do Salitre ofrecerá un concerto moi bailable que seguro terá ao público en pé.
As propostas dos tríos Carmela e Lideira son máis pequenas en compoñentes pero non menos intensas. Carmela son Carme López en voz e percusión, Camille Hedouin (Mounqup) con electrónica e voces, e Sara Méndez no saxofón. Carmela pon no centro a tradición oral transmitida por xeracións de mulleres e mestúraa con novos sons máis contemporáneos.
Lidiera, pola súa banda, mestura voces, percusión e ventos con Lois Prado, Gabi Reboredo e Sara Méndez, nunha proposta innovadora e singular que tamén convida ao baile.
Os concertos comezarán ás 21:00 horas na área recreativa de Samugueiros, onde tamén haberá opcións de bebida e comida, así como postos de artesanía.
Para ir quecendo motores, anteriormente aos concertos, ofrecerase un obradoiro de baile tradicional a cargo de Gabi Reboredo. O Concello da Pobra do Brollón informará máis adiante do horario e do procedemento para inscribirse na súa páxina web (concellodapobradobrollon.gal) e redes sociais (facebook.com/APobradoBrollon e instagram.com/guimaralia).