Volve o Ciclo Mestre Mateo con dez proxeccións entre xullo e outubro

Volve o Ciclo Mestre Mateo con dez proxeccións entre xullo e outubro

16 Xullo 2025/concello/Cultura
  • O ciclo arranca este domingo 20 co documental Prefiro condenarme de Margarita Ledo

O Ciclo Mestre Mateo volve este 2025 á Pobra do Brollón grazas á Academia Galega do Audiovisual co apoio da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello.

O ciclo xa vai por catro edicións levando o cinema galego de calidade a vilas sen salas comerciais. Nesta edición, o Concello da Pobra do Brollón descentraliza as proxeccións, levando parte da programación aos locais sociais das parroquias.

Serán en total dez proxeccións que terán lugar entre xullo e outubro. O ciclo arranca este domingo 20 de xullo coa película documental Prefiro condenarme, no local social de Piño.

Baixo a dirección de Margarita Ledo e as interpretacións, entre outras, de Melania Cruz, Iria Pinheiro e Mónica Camaño, o documental conta a historia de Sagrario. Esta mariscadora na ría de Ferrol confróntanos cunha nai díscola, unha órbita familiar en perpetuo desasosego e un xuízo por adúltera aos 33 anos, en 1972, por mor dunha filla que ten co seu amante.

O ciclo inclúe outros tres documentais: Salvaxe, salvaxe (6 setembro, Parada dos Montes), Filmei paxaros voando (12 setembro, A Pobra do Brollón) e Aurora (18 outubro, A Estación).

Catro das proxeccións son longametraxes de ficción: As Neves (3 agosto, A Ferreirúa), +Cuñados (31 agosto, A Pobra do Brollón), Xustiza artificial (20 setembro, Fornelas) e Honeymoon (10 outubro, Abrence).

Haberá ademais dúas proxeccións de curtas: unha sesión o 23 de xullo na Pobra do Brollón e outra o 9 de agosto en Canedo.

Todas as proxeccións serán ás 20:30 horas. Iranse publicando os detalles de cada unha na páxina web e redes do Concello da Pobra do Brollón.



RELACIONADO