La undécima edición de As Cores do Outono tendrá lugar el sábado 27 de septiembre

La undécima edición de As Cores do Outono tendrá lugar el sábado 27 de septiembre

20 August 2025/concello/Cultura

Presentouse este martes ao mediodía o cartel da edición número once do festival As Cores do Outono que se celebrará o sábado 27 de setembro. O evento é organizado polo Concello da Pobra do Brollón co apoio económico da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O alcalde Xosé Lois Maceda e a concelleira de cultura Marián Martínez xunto coa deputada Iria Castro, presentaron hoxe na área recreativa de Samugueiros o cartel deste festival de folk de referencia no sur de Lugo.

Este ano o evento levará á Pobra do Brollón tres propostas musicais moi potentes que mesturan tradición e innovación: Carmela, Lideira e Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre.

Xabier Díaz poñerá sobre o escenario a súa experiencia de máis de tres décadas na escena musical galega e xunto coas Adufeiras do Salitre ofrecerá un concerto moi bailable que seguro terá ao público en pé.

As propostas dos tríos Carmela e Lideira son máis pequenas en compoñentes pero non menos intensas. Carmela son Carme López en voz e percusión, Camille Hedouin (Mounqup) con electrónica e voces, e Sara Méndez no saxofón. Carmela pon no centro a tradición oral transmitida por xeracións de mulleres e mestúraa con novos sons máis contemporáneos.

Lidiera, pola súa banda, mestura voces, percusión e ventos con Lois Prado, Gabi Reboredo e Sara Méndez, nunha proposta innovadora e singular que tamén convida ao baile.

Os concertos comezarán ás 21:00 horas na área recreativa de Samugueiros, onde tamén haberá opcións de bebida e comida, así como postos de artesanía.

Para ir quecendo motores, anteriormente aos concertos, ofrecerase un obradoiro de baile tradicional a cargo de Gabi Reboredo. O Concello da Pobra do Brollón informará máis adiante do horario e do procedemento para inscribirse na súa páxina web (concellodapobradobrollon.gal) e redes sociais (facebook.com/APobradoBrolloninstagram.com/guimaralia).


De esquerda a dereita, Xosé Lois Maceda, Iria Castro e Marián Martínez

 



RELACIONADO


Outras Novas