O Concello da Pobra do Brollón destina 200.000 € para construción da residencia de maiores dentro dos presupostos máis elevados do concello

O Concello da Pobra do Brollón destina 200.000 € para construción da residencia de maiores dentro dos presupostos máis elevados do concello

04 April 2018/concello/Xeral

O Concello da Pobra do Brollón ven de aprobar os orzamentos para o 2018 que ascenden a 1.900.000 €. Estes presupostos son resultado dunha xestión económica que permite asumir nesta anualidade a aportación de 200.000 € que lle corresponde ao Concello para a construción da residencia sen necesidade de endebedarse. Na mesma sesión plenaria ademais desta reserva de crédito aprobouse a cesión de terreos á Deputación para a construción destas instalacións con capacidade para 40 persoas. A obra dun millón e medio de euros será a maior inversión feita ata o momento no concello da Pobra do Brollón.

Dentro dos orzamentos para este ano, a partida de política social é a máis beneficiada cun 29% do presuposto. Estes fondos destinaranse principalmente a emerxencia social e axuda no fogar e permitirán ao concello seguir apostando pola prestación básica e poder cubrir as necesidades das persoas dependentes mentres non reciben a correspondente axuda da Xunta. Outra partida que experimenta un importante incremento é a das Inversións que supón un 14% do Orzamento.

Dentro da partida de Fomento do Emprego o Concello creará a súa propia brigada de prevención para desbroces e outras tarefas de conservación. Contratarase para esta finalidade a un equipo de 7 persoas.

A promoción do Turismo e impulso dos recursos propios segue sendo un obxectivo prioritario do equipo de goberno e neste senso aprobouse un convenio coa Xunta de Galicia polo que se desenvolverá un Campo de Traballo Internacional no Castro de San Lourenzo. Unha vintena de persoas, a maioría delas da  República Checa desenvolverán traballos arqueolóxicos de excavación durante 15 días no mes de agosto. A actividade suporá seguir poñendo en valor o Castro e dalo a coñecer fóra das nosas fronteiras.

O último pleno da Pobra do Brollón serviu tamén para aprobar un convenio coa SGAE polo que o Concello abona unha tarifa plana anual que cubre todos os eventos públicos de carácter musical do concello, co correspondente beneficio para as parroquias de cara as súas festas.



RELACIONADO


Outras Novas