Recoñecemento da Pobra do Brollón ao físico nuclear e veciño da Ferreirúa, José Luis Rodríguez Sánchez

Recoñecemento da Pobra do Brollón ao físico nuclear e veciño da Ferreirúa, José Luis Rodríguez Sánchez

23 December 2018/concello/Xeral

O salón de plenos do Concello da Pobra do Brollón acollía o acto de recoñecemento ao investigador da Universidade de Santiago de Compostela e veciño do Concello, José L. Rodríguez Sánchez. Este mozo da Ferreirúa é un recoñecido físico nuclear, que foi premiado pola Sociedade Europea de Física pola súa tese sobre a fisión nuclear; e a división de Física Nuclear da Sociedade Europea de Física deulle o premio ao mellor investigador novel da Comunidade de Núcleos Exóticos do acelerador de partículas FAIR. Recentemente recibiu outro premio daSociedade Xaponesa de Física Nuclear polos estudos de hipernúcleos que está desenvolvendo. 

O ano péchao na casa, co acto que se desenvolveu o venres no concello e no que participou a súa familia. O alcalde, Xosé Lois Maceda, fíxolle enrega dunha placa en recoñecemento pola súa laboura profesional e como agradecemento por levar o nome da Pobra do Brollón por todo o mundo.

“Con este acto breve, pero solemne exerzo como representante de todos os vecinos. É un pracer e tamén unha obriga mostrarche toda a nosa consideración como profesional e como veciño. Estamos falando dun dos investigadores, físico nucleares, máis importantes deste país. Noraboa polos éxitos e os recoñecementos, ogallá haxa moitos máis. Quero felicitarte non só como alcalde senón tamén como amigo”, apuntaba Xosé Lois Maceda.

Explicaba o alcalde, que coñece a José Luis desde a infancia e que sempre foi unha persoa humilde e traballadora á que “non se lle sube o recoñecemento á cabeza.” O premiado investigador levouse o aplauso e agarimo da súa familia e dos seus vecinos e asinou no libro de ouro do concello, como xesto de agradecemento por levar o nome da Pobra por todo o mundo. Remataba o alcalde cun desexo,  “esperamos verte máis veces aquí con novos logros profesionais.



RELACIONADO