Todo en marcha para a Romaría de San Vitoiro

Todo en marcha para a Romaría de San Vitoiro

August 23/concello/Cultura

Ver programa ao completo

A popular Romaría de San Vitoiro celébrase os días 27 e 28 de agosto na parroquia guímara de Saa. Desenvólvese arredor da capela no lugar de San Vitoiro, un recuncho de excepcional beleza natural, xunto ao río Lebrón e aos pés dos penedos onde está sito un impresionante miradoiro. 

O martes 27 é festivo municipal e o día grande da romaría, aínda que ámbolos dous días hai unha ampla programación musical para amenizar o evento. A tradición é levar comida entre amigos e familia para gozar todo o día á sombra das árbores na contorna do río.  

Para garantir a seguridade do evento, o próximo luns 26 está fixada a reunión no Concello da Pobra do Brollón na que se acordarán as normas de boa convivencia, con representantes da Comisión de Festas, a Garda Civil, o Distrito Forestal Terra de Lemos e Espectáculos Spin.

Entre as medidas contarase cun Plan de Emerxencias acordada entre a Comisión de Festas e o Concello da Pobra do Brollón. Como noutros anos, o Concello comprometerase a establecer un servizo de ambulancia durante a celebración. Haberá tamén brigada e motobomba de Distrito Terra de Lemos, e unidade móbil da Garda Civil no lugar. 

‘A nosa prioridade é a seguridade dos asistentes nesta marabillosa romaría popular. Grazas ao espírito de colaboración entre veciños, concello e corpos de seguridade e protección poderemos gozar todos xuntos de dous días de convivencia festiva’ declara o alcalde Xosé Lois Maceda.

As normas de boa convivencia publicaranse na páxina web e redes do Concello da Pobra do Brollón para a súa máxima difusión. 

Programa da Romaría de San Vitoiro

O martes 27, tras a misa e procesión ás 13:30, comeza a sesión vermú musicada polo grupo de gaitas Samparasón. A festa continurá todo o día ata a madrugada. Pola tarde segue a animación musical con Samparasón, e a partir das 19:30 comeza a verbena coa orquestra Galilea e as charangas Europa e Era Visto. A festa está garantida ata altas horas da madrugada con sesión de disco móbil e a cumbia de Os Costaleros do Día Anterior.

O día seguinte, mércores 28, tamén comeza ás 13:30 cunha misa e procesión, e despois sesión vermú cun grupo de gaitas. A partir das 20:00 haberá verbena coa Charanga Nova Terras de Trives, seguido de pancetada popular a partir das 21:30. A mesma charanga amenizará a fin de festa.



RELATED POSTS