Empezaron los trabajos de restauración de la entrada y muralla monumental de Penas do Castelo en Salcedo

Empezaron los trabajos de restauración de la entrada y muralla monumental de Penas do Castelo en Salcedo

22 Septiembre 2023/concello/Cultura
  • Os traballos están financiados pola Consellería de Cultura da Xunta no marco do proxecto de ‘arqueoloxía de aldea’ Penas do Castelo.
  • A previsión é que duren un par de semanas e que a zona quede lista e acondicionada para visitas

Na campaña do ano pasado en Penas do Castelo, situado na parroquia de Salcedo, Concello da Pobra do Brollón, xa se localizou a entrada monumental do xacemento, datado na transición da Idade do Bronce á Idade do Ferro. Na campaña deste ano, o obxectivo é deixar visitables tanto a entrada como o tramo correspondente de muralla.

Nos traballos previos á restauración, realizados nas últimas semanas, quedou a zona totalmente despexada. Esta pequena intervención confirmou unha entrada externa de 80 cm de van e unha segunda de 2,5 metros, de carácter moito máis monumental. Entre ambos accesos, xérase un espazo intermedio pechado que actuaría como unha especie de trampa, segundo os seus investigadores. 

‘A estrutura ten unha gran lóxica defensiva, mentres o potencial inimigo vese obrigado a pasar case dun en un pola primeira porta, os ocupantes do xacemento poderían saír en tromba dende a segunda e facer unha defensa efectiva,’ comenta Benito Vilas, arqueólogo director da cooperativa Árbore Arqueoloxía e Xestión.

A entrada é acorde coa gran muralla existente, primeiro elemento que chamou a atención do xacemento, debido á súa monumentalidade en relación á súa antigüidade. Na zona da porta consérvanse practicamente os 3 metros de altura e un espesor duns 8 metros.

Porta calcinada

Aínda que a prioridade dos traballos previos era acondicionar o espazo para a restauración, o xacemento gardaba algunha sorpresa. Unha vez retirado o derrubo da zona do van da entrada, apareceu unha liña de carbóns e pedras rubefactadas que se corresponden coa impronta queimada da antiga porta de madeira. 

‘Estes restos son moi interesantes, xa que poderán ser analizados mediante Carbono 14 para datar o probable momento de abandono do xacemento,’ afirma Benito.

Restauración complexa

A restauración resulta de gran complexidade pola monumentalidade e orografía do propio xacemento. O estado de conservación xeral é bo, tendo en conta a antigüidade e, sobre todo, o feito de estar construído en pedra seca, sen ningún tipo de morteiro.

‘Malia a conservación ser boa, algunha zona mantíñase por estar enterrada. Agora teremos que reforzar e consolidar esas zonas para evitar o colapso,’ comenta Alba Losada, restauradora directora.

‘O criterio vai ser de mínima intervención, dando prioridade á conservación, preventiva, garantido a estabilidade da estrutura. Será necesario consolidar e crear fiadas de sacrificio, para que actúen de escudo sobre a estrutura orixinal,” engade.

Arqueoloxía de aldea

Esta intervención está financiada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que leva investidos máis de 50.000€ nos últimos tres anos; mais no proxecto comunitario interveñen tamén a Comunidade de Montes e Asociación Veciñal de Salcedo así como o Concello da Pobra do Brollón.

A través desta colaboración, o xacemento está incluído no circuíto de visitas guiadas municipais e se levaron a cabo actividades divulgativas no marco da Semana Cultural de Salcedo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou "a importancia de coñecer e rescatar o noso patrimonio histórico, que se integra na identidade de cada pobo e preséntase como un elemento cultural e un recurso turístico de primeira orde".

Pola súa banda, o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda comenta que ‘é un xacemento moi interesante para nós, que se complementa moi ben coa nosa outra oferta arqueolóxica. Agardemos que o vindeiro ano poidamos continuar cun convenio.’



RELACIONADO