Anunciamos a proposta gañadora do 2º Concurso de Carteis da Feira do Viño de Vilachá. Tras reunirse o martes 10 para abrir os traballos e valoralos segundo os criterios establecidos nas bases, o xurado seleccionou o cartel 'Mencía', presentado por Anna León Orozco.
Será o cartel que represente a XXXIII Feira do Viño, que se celebrará a primeira fin de semana de maio de 2026.
O deseño condensa de xeito atractivo o espírito da feira, dende a arquitectura das adegas da Abelaira, pasando pola grande presenza da música e, como non, co viño de Vilachá como protagonista.
A gañadora recibirá un premio de 200 euros. Presentáronse oito carteis en total. En segundo lugar o xurado escolleu 'A vida, a vide' de Iago López e en terceiro lugar, 'Viñateira' de Juan José López.
Dende o Concello da Pobra do Brollón agradecemos a participación e dámoslles os parabéns aos gañadores.


