Entroido de Salcedo

O Entroido de Salcedo, a rebeldía dun pobo

> Ver reportaxe fotográfico e vídeos

Non cabe dúbida que o Entroido forma parte, de maneira importante, do noso patrimonio cultural inmaterial, existindo múltiples manifestacións que así o testemuñan por toda a xeografía galega a través de moi diversos ritos e mascaradas. É certo que boa parte destas manifestacións comparten orixes alleas á nosa cultura,  que tiñan que ver, en grande medida, coa despedida do inverno ou, debido á influencia do cristianismo, coa antesala da coresma. 

Non é menos certo que existen outras manifestacións cuxa orixe difire da que, por dicilo dalgún xeito, se considera como a versión oficialista ou académica e que, ás veces, nos presentan como a única válida. Esta segunda ten que ver máis con cuestións e necesidades locais e propias da nosa cultura rural. 

Para nós, aínda que na actualidade todo está sometido á contaminación e influencia de factores alleos, o entroido de Salcedo ten máis que ver con este último prantexamento. Neste senso, queremos defender o carácter popular do noso entroido. Queremos destacar tamén o valor de rebeldía e autoprotección que lle confería a unha sociedade rural con grandes carencias de soberanía e liberdade, e revelar por riba doutras connotacións o interese engadido de outorgarlles a posibilidade de sentirse protagonistas e beneficiarios desta actividade.

Derivado do anteriormente dito, é importante transmitir o interese social que exercía sobre esta poboación, ao liberalos de ataduras, complexos e sufrimento acumulado ao longo de todo o ano para, deste xeito, proporcionarlles ledicia, ilusión e esperanza, aínda que só fora por uns poucos días. 

Sen dúbida, o entroido de Salcedo está cheo de tradición e de elementos representativos da nosa cultura rural e que, a pesares das diferentes prohibicións históricas, permaneceu vivo e activo de maneira ininterrompida e dende tempo inmemorial. Isto foi posible grazas a que a colectividade de Salcedo tivo sempre moi asumido o seu papel participativo e a que senten todos estes elementos como parte de si mesmos.

A variedade de mascaradas e actividades carnavalescas enriquecen notablemente o entroido salcedao, podendo dicir que ningunha é máis importante que calquera das outras, a pesares de que o máis emblemático e ancestral sexa o Oso. Neste entroido, comparten espazo representacións de carácter moi diverso; dende a personaxe ritual do Oso encargado de protexer o pobo e que, coa axuda dos criados, ven recoller o seu tributo a cambio de proporcionarlle, polo ano adiante, cousas necesarias para a súa subsistencia (boas colleitas, fertilidade para as mulleres, saúde, etc.); pasando polas Madamas e os Danzantes, responsables de tomar a través da mascarada  a identidade do señorío, e poder así ridiculizar a quenes os tiñan sometidos o resto do ano; ou tamén os Disfraces de Campo, encargados de parodiar a través de pequenas interpretacións mímicas, escenificadas ao aire libre, calquera situación ocorrida no pobo ou representativa da vida no rural; finalmente, e grazas a estes disfraces de campo que foron o seu precursor, incorporouse máis recentemente (concretamente no ano 1957) o Teatro de Salcedo no que, xa nun espazo especialmente configurado para este fin e nun escenario tradicional, se representan obras teatrais de autores maiormente locais, representadas por actores non profesionais, tamén de Salcedo e do  seu contorno, que escenifican de igual maneira e sempre en clave cómica situacións e vivencias ocorridas ou previsibles coas que nos identificamos.

A mesma filosofía que conduciu ao pobo de Salcedo a conservar e valorizar o entroido, foi quen de desenvolver diferentes actividades e infraestruturas que puideran exceder a capacidade dun pobo coma o noso. Neste senso, á hora de poder representar o teatro de Salcedo e debido á grande afluencia de espectadores, o pobo tivo que ir adaptando diferentes locais non especialmente deseñados para tal fin e con grandes limitacións. Por este motivo, propúxose construír un espazo que cumprira cos requirimentos que presentaba esta actividade, impulsando a dita construción e conseguindo o actual local multiusos con escenario, vestiarios adaptados e capacidade para 500 persoas, que se se enche ano tras ano durante dúas xornadas consecutivas (sábado e domingo de entroido), esgotándose as invitacións semanas antes. 

Quixeramos rematar dicindo que estes entroidos están sometidos a diversos riscos que poden rematar coa súa existencia. Neste senso, Salcedo non é unha excepción e, malia os esforzos dun Oso probablemente cansado e desmotivado para conservar e protexer este lugar, sufre os males da globalización e da paulatina desaparición da nosa xente, mulleres e homes responsables dos logros e da existencia das estruturas sociais, territoriais e culturais que conforman esta parroquia. 

Non deixemos nunca de rebelarnos.

Documento adaptado do artigo “O entroido de Salcedo, a rebeldía dun pobo” de Felipe Castro, publicado no diario Sermos Galiza. Ligazón: https://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/entroido-salcedo-rebeldia-dun-pobo/20180207180223065837.html

Entroido de Salcedo