O Castro de San Lourenzo en Cereixa acolle este verán unha nova campaña arqueolóxica con campo de voluntariado

O Castro de San Lourenzo en Cereixa acolle este verán unha nova campaña arqueolóxica con campo de voluntariado

27 Xuño 2020/concello/Xeral

Trala confirmación por parte da Consellería de Xuventude da realización dos campos de voluntariado en Galicia, o Concello da Pobra do Brollón anuncia a continuidade do campo no Castro de San Lourenzo, situado en Cereixa.

O campo de voluntariado terá lugar do 2 ao 13 de agosto e está aberto a persoas mozas residentes en Galicia entre 18 e 30 anos. O número máximo de participantes son 12 e xa está aberto o prazo de inscrición.

“Entendemos que se a Xunta dá luz verde aos campos de voluntariado é porque se dan as condicións. Nós estabamos preparados a nivel municipal e alégranos moito poder continuar con estes traballos que repercuten na economía e na comunidade local,” comenta o alcalde Xosé Lois Maceda.

Un campo arqueolóxico

Os participantes poderán coñecer de primeira man o proceso de escavación dunha necrópole medieval, sector onde se centrarán os traballos este ano e no que apareceu o famoso Atilano, un esqueleto en moi bo estado de conservación atopado na campaña de 2018.

“Trátase dunha das necrópoles medievais mellor conservadas e estudadas de Galicia polo que é unha oportunidade para os participantes de recibir unha formación pouco habitual,” comenta Xurxo Ayán, director arqueolóxico do proxecto.

Os traballos arqueolóxicos véñense realizando dende 2016 e en sucesivas campañas, o castro de Cereixa converteuse nun referente internacional da arqueoloxía en comunidade.

Un campo comunitario

Ademais da arqueoloxía, na organización do campo perséguese a implicación dos participantes co proxecto e cos veciños. En anos anteriores o campo de traballo coincidía coa romaría de San Lourenzo.

“Este ano debido á crise sanitaria non se realizará a romaría, mais os voluntarios poderán participar noutro tipo de xuntanzas máis informais cos veciños,” comenta Ayán.

Un campo con medidas excepcionais

O contexto sanitario, por suposto, marca enormemente as características desta edición, seguindo as medidas de seguridade marcadas pola Xunta. 

Este ano só participarán voluntarios residentes en Galicia, fronte o carácter internacional doutros anos. Asemade, o número máximo establécese en 12, en troques de 20 como en edicións anteriores.

Por outra banda, existe un protocolo sanitario marcado polo distanciamento, hixiene e uso de máscara. “Trátase de equilibrar a precaución coa necesidade de dar continuidade aos proxectos que incentivan a economía local,” comenta Maceda.

As persoas interesadas en participar poden atopar máis información e inscribirse en http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran



RELACIONADO