A Biblioteca pública municipal 'Antonio Reboiro' do Concello da Pobra do Brollón convoca o Certame de narración e debuxo infantil que se celebra con motivo do Día das Letras Galegas.
Establécense tres categorías: ata 8 anos; de 9 a 11 anos e de 12 a 16 anos.
O prazo de presentación dos traballos remata o vindeiro 11 de maio, debendo ser entregados na Biblioteca municipal.
O tema deste 2026 é Medrar lendo:
Ao longo da vida, hai momentos que nos cambian: cando aprendemos a ler as nosas primeiras palbras, cando descubrimos un conto que nos fai rir sen parar ou cando atopamos unha historia que parece falarnos directamente ao corazón. Invitámoste a recordar e contar eses instantes especiais nos que os libros foron os teus compañeiros, axudándote a entender o mundo, a sentir acompañado ou acompañada e a imaxinar novos camiños.
As narracións deben ser en galego, cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara. Os debuxos deben estar feitos sobre papel ou cartolina en tamaño A4. Os traballos poden ser escritos a man (a bolígrafo, nunca a lapis) ou a ordenador. Cada traballo acompañarase dunha folla co nome e demais datos do autor en letra maiúscula.
O xurado seleccionará 3 traballos por cada modalidade e categoría. Os traballos premiados nesta fase local participarán na fase provincial do certame convocada pola Biblioteca Pública de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Descarga as bases neste enlace (PDF).
