Cinema galego de estrea para pechar o ano

Cinema galego de estrea para pechar o ano

Decembro 03/concello/Cultura

Dende a área de Cultura do Concello da Pobra do Brollón propoñemos pechar o ano cun ciclo de tres filmes galegos estreados no presente 2020. Así, consolídase a aposta cultural dos últimos anos.

“Para nós é moi importante continuar coa oferta cultural neste ano de pandemia. Pretendemos dar alternativas de lecer e cultura aos noso veciños dentro dos límites dun ano como este e sempre observando as recomendacións e normativas,” comenta Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón.

O ciclo estréase o próximo sábado 12 de decembro coa proxección de Dorothé na Vila, dirixida por Alejandro Gándara e Olaia Tubío. Trátase dun documental baseado en Dorothé Schubart, musicóloga suíza que investigou e fixo recollida en Galicia creando un dos cancioneiros máis importantes e recoñecidos. 

Para esta proxección deseñouse a maiores unha actividade en colaboración coa Escola Municipal de Música Samoeiro. Despois da proxección os directores ofrecerán un obradoiro de recollida de tradición musical para que os asistentes poidan aplicalo.

A segunda proxección, o domingo 20, será Reboiras. Acción e corazón, dirixida por Alberte Mera e que trata a vida do sindicalista asasinado no 1975. A proxección contará coa presenza do director e como a anterior terá lugar na Casa da Cultura ‘Olga Novo’.

O ciclo pechará o domingo 27 coa proxección de Ons dirixida por Alfonso Zarauza, un director xa habitual dos ciclos de cinema da Pobra do Brollón. Ons será estreada en salas o próximo día 18 pero xa colleitou premios e grandes críticas en festivais como o de Sevilla ou Márgenes. Ademais o seu director, que asistirá á proxección, acaba de ser recoñecido co premio Cineuropa.

Esta proxección terá lugar no Local Multiusos de Salcedo debido á súa maior capacidade. “Grazas á colaboración da Asociación Veciñal de Salcedo podemos empregar esta infraestrutura dotada de equipo de son e cadeiras suficientes e, sobre todo, cunha capacidade maior, o que nos permite ofrecer as prazas máximas permitidas,” comenta Maceda.

As proxeccións son de balde e requirirán reserva previa no teléfono 650 624 828.



RELATED POSTS