Extinguido o incendio forestal iniciado na parroquia de Abrence o pasado luns 25 de agosto. Medio Rural anunciou a súa extinción na tarde do sábado 30 de agosto, tras afectar unha superficie de 1.107,24 hectáreas dos municipios da Pobra do Brollón e Quiroga, das cales 1.057,24 se corresponden con monte arborado e o resto de raso.
Para a extinción deste lume mobilizáronse de xeito acumulado 13 técnicos, 81 axentes, 87 brigadas, 73 motobombas, 5 pas, 9 helicópteros e 13 avións, ademais de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Dende o Concello da Pobra do Brollón queremos agradecer aos e ás profesionais das brigadas e da UME, así como ás veciñas e veciños que colaboraron nos traballos de extinción. Tamén mencionar a Lácteos Xavelo, así como a Transportes Agustín con Coop Lemos e Celega que puxeron camións cisterna ao servizo dos labores de extinción.
Afortunadamente, grazas ás persoas que traballaron duramente contra o incendio, este non causou danos en ningún núcleo de poboación nin nas viñas da ribeira de Vilachá. Na imaxe, vendima o pasado sábado 30 nas viñas do Eivedo, con vistas ao monte queimado causa do contralume realizado polas brigadas para frear o avance do incendio.