Lanzamos unha campaña solidaria para fomentar a compostaxe comunitaria

Lanzamos unha campaña solidaria para fomentar a compostaxe comunitaria

Marzo 02/concello/Xeral

A área de Medio Ambiente do Concello da Pobra do Brollón lanza unha campaña solidaria para fomentar a compostaxe comunitaria entre os veciñas e veciñas. 

A idea é incentivar o uso das seis composteiras comunitarias que se atopan na Pobra do Brollón. “Cando se instalaron as composteiras en marzo de 2018 foron moi ben recibidas, pero agora queremos darlles un novo impulso” comenta Elvira Martínez, técnico de Medio Ambiente.

A campaña consiste en trocar compost por alimentos para persoas desfavorecidas. Ao final do ano, pesarase o total do compost obtido grazas á compostaxe comunitaria e o 30% do seu peso doarase en quilos de alimentos para familias e persoas desfavorecidas. 

‘Deste xeito, a compostaxe ten unha dobre vantaxe para a xente. Coidamos do noso medio natural e somos solidarios cos nosos veciños’ comenta Martínez. ‘Ademais, lembramos que o compost obtido despois queda a disposición de quen o queira usar para fertilizar os seus xardíns e hortas’. 

A acción vai acompañada dunha campaña informativa con carteis e un vídeo que se divulgará nas redes sociais no que se repasa como funciona a compostaxe e como facela correctamente. 

O Concello da Pobra do Brollón foi pioneiro na provincia de Lugo na instalación das composteiras e na implantación de estratexias para fomentar a reciclaxe, a través de iniciativas como o punto limpo móbil e a recollida domiciliaria de refugallos voluminosos. 



RELATED POSTS