Máis dun centenar de alumnos comezan curso na Escola municipal de Música ‘Samoeiro’

Máis dun centenar de alumnos comezan curso na Escola municipal de Música ‘Samoeiro’

Outubro 29/concello/Xeral

Xa comezou o curso na Escola municipal de Música ‘Samoeiro’ na Pobra do Brollón, con 107 alumnos matriculados nalgunha das oito especialidades ofertadas. 

As clases máis populares son as de baile tradicional e percusión (pandeireta, tambor e tamboril), seguidas de coro, música e movemento (para nenos), gaita, acordeón, piano e frauta. Case a metade dos 107 alumnos están matriculados en máis dunha materia.

‘Sentímonos orgullosos de ter posta en marcha a Escola municipal de Música hai xa once anos e ver como cada curso ten tan boa acollida polos veciños da Pobra, e tamén de concellos limítrofes’, comenta o alcalde Xosé Lois Maceda. ‘Non é só a oportunidade de aprender e perfeccionar habilidades musicais. É tamén un espazo onde socializar e facer comunidade.’

Precisamente para este fin, unir aos veciños das diferentes parroquias da Guimaralia, creouse como novidade neste curso 2019-2020, o ciclo de ‘Foliadas Guímaras’ itinerantes. Cada mes, o local social dunha parroquia será o escenario para unha festa de participación libre e aberta, na que os alumnos poderán poñer en práctica o aprendido. A primeira foliada foi a principios de mes en Salcedo e proximamente anunciaremos a data e lugar da segunda.

O equipo da Escola de Música está formado por Iago Domínguez en baile e nas demais materias, os profesores Fernando Estévez, Jesús Luis González, e o profesor e director da Escola, Ibán Pérez. Este último destaca a profesionalidade e calidade da ensinanza: ‘Somos un equipo con moitos, moitos anos de experiencia na ensinanza da música e iso nótase nas clases. Ademais, somos un profesorado moi versátil. A música tradicional ten un peso indiscutible na Escola, pero se a un alumno interésalle tocar jazz, por exemplo, podemos adaptarnos.’

Os horarios das clases e as datas das Foliadas Guímaras pódense consultar na páxina web e redes do Concello da Pobra do Brollón.



RELATED POSTS