A Pobra do Brollón destitúe a Franco como “alcalde honorario perpetuo”

A Pobra do Brollón destitúe a Franco como “alcalde honorario perpetuo”

19 Novembro 2022/concello/Xeral

Un pleno extraordinario celebrado na tarde de onte venres 18 de novembro acordou retirar o título de 'alcalde honorario perpetuo' da Pobra do Brollón ao ditador Francisco Franco

“Parécenos intolerable que aínda a día de hoxe queden títulos deste tipo para un xenocida, un asasino e un ditador que o único que fixo foi represaliar e asasinar a aqueles que non pensaban coma el,” declarou o alcalde Xosé Lois Maceda no acto.

No pleno tamén se acordou dar o nome do alcalde represaliado Antonio Reboiro Rodríguez á biblioteca municipal. Ambas decisións tomáronse por unanimidade coa ausencia dos concelleiros dos grupos da oposición, e o salón de plenos cheo de veciños que quixeron estar presentes no acto. 

Entre eles, algúns familiares do alcalde asasinado Antonio Reboiro Rodríguez, incluído o seu neto, Rafael Castillo Reboiro. Foi el quen solicitou o recoñecemento persoal do Goberno estatal para o seu avó como vítima do franquismo, diploma que Rafael quixo entregarlle ao Concello no Pleno. 

Antonio Reboiro, membro do Partido Agrario Radical Galego, foi alcalde democrático da Pobra do Brollón en 1936, asasinado en 1938 pola represión franquista. Como parte do recoñecemento á súa persoa, aprobouse no Pleno a proposta presentada por Rafael Castillo de darlle o seu nome á Biblioteca municipal, da que Antonio Reboiro foi impulsor. 

Rafael Castillo amosouse moi emocionado no Pleno coa decisión. “Se non defendemos a memoria histórica, impoñerannos a súa” dixo en referencia ao auxe da estrema dereita e de discursos lexitimadores do franquismo. 

“Hoxe é un día de reparación, de recoñecemento, para aqueles que defenderon a democracia e que loitaron polos dereitos. É un día no que se fai xustiza e que sirve para pechar as cicatrices e mellorar a convivencia e a democracia deste país,” afirmou Maceda no acto, que rematou cunha ovación de todos os presentes.

 



RELACIONADO