Presentamos 'Palabras Molladas': charlas arqueolóxicas maridadas con viño de Vilachá

Presentamos 'Palabras Molladas': charlas arqueolóxicas maridadas con viño de Vilachá

Xullo 22/concello/Cultura

O proxecto Adegas da Memoria e o Concello da Pobra do Brollón organiza ‘Palabras Molladas’, unha serie de charlas sobre arqueoloxía, acompañadas de viños de Vilachá de Salvadur con D.O. Ribeira Sacra.

Trátase dunha actividade concibida en paralelo á campaña arqueolóxica actualmente en marcha no lugar de Os Conventos, na parroquia guímara de Vilachá. 

A primeira charla será este mércores 22 a cargo de Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra. 

Baixo o título ‘Veraneantes nos castros das Rías Baixas’, tratará as relacións entre os habitantes do Mediterráneo e a poboación de Galicia e do noroeste peninsular dende a Idade do Ferro ata o presente. O viño a acompañar esta charla será de O Tolo do Xisto. 

Ao día seguinte, o xoves 23, falará Juan Pablo López de arqueoloxía, comunidade e medio rural a partir do proxecto Terra Levis na Serra de Ávila. A charla incluirá a proxección da curta documental Nos quedamos. Será unha charla maridada con viño de Acivro. 

A última charla será o xoves 30 de xullo a cargo de Xurxo Ayán quen presentará as “case conclusións” da campaña arqueolóxica actual en Os Conventos, a cal dirixe. Poderase degustar viño de Val do Frade.

Todas as charlas serán ás 20:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura ‘Olga Novo’, na Pobra do Brollón. Respectaranse as distancias e medidas de seguridade, e o uso de máscara será obrigatorio. 



RELATED POSTS