Verán cultural para todos os públicos na Pobra do Brollón

Verán cultural para todos os públicos na Pobra do Brollón

Xullo 18/concello/Cultura

Mirar o programa completo aquí

O Concello da Pobra do Brollón presenta o programa de eventos culturais para finais de xullo e agosto. Con, cando menos, tres eventos por semana, este verán na Guimaralia será imposible aburrirse.  ‘Cremos que a xestión cultural debe ser un dos elementos diferenciais da política municipal da Pobra. Esta programación incide na afirmación da nosa identidade, na creación da Guimaralia. Ao fin, estamos a traballar nun modelo de xestión cultural para o rural galego,’ afirma o alcade, Xosé Lois Maceda.

A programación cultural únese a unha oferta de visitas guiadas polo concello. Comenta ao respecto Ricardo Rodicio, concelleiro de Cultura: ‘Estes eventos son o complemento perfecto á programación turística. Este verán temos probablemente a oferta más ampla do sur da provincia de Lugo’.

Ciclos de concertos e cine

Un ciclo de concertos nas terrazas e outro de cine ao aire libre son os dous pratos fortes da programación. O ciclo de concertos, ‘Cos pés na terraza’, trae ata os bares guímaros cinco artistas, comezando polo polifacético artista Xurxo Souto o día 31 de xullo, na terraza de O Fogón. En agosto continúa o ciclo con O Leo i Arremecághona (día 7), Xosé Constenla (día 14) e Pardo (día 21). Rematará o día 28 co artista local e compoñente de Los Árboles, Ale González.

Pola súa banda, o ciclo de cine ‘O Camiño na Gran Pantalla’, un proxecto subvencionado polo plan O Teu Xacobeo, inclúe a proxección de cinco películas ao aire libre. Todas as proxeccións serán nas noites de agosto na área recreativa de Samugueiros, no centro da Pobra do Brollón. Tres dos filmes serán de temática relacionada co Camiño de Santiago: o filme de animación O Apóstolo (día 1), a película Pelegrinaxes (día 15) e The Way (día 29)Tamén proxectaranse o gañador dos Premios Goya Campeones (día 8) e a película infantil Ralph rompe internet (día 22). 

Durante tres sábados de agosto, haberá un terceiro ciclo de eventos solidarios. Inclúe a proxección de dous documentais – La Niña Bonita El loco del desierto – ambos cun custe de 2€ destinados integramente a Acnur. Dentro deste ciclo solidario inclúese unha charla e proxección do artista e defensor dos dereitos humanos, Mohamed Said Hamdad, baixo o título ‘Papeles Mojados’.

Para nenos e maiores por igual

Tamén hai actividades pensadas especialmente para os máis pequenos: os contadores Charo Pita (co seu espectáculo ‘Sen barreiras’ a mañá do 5 de agosto) e Caxoto Contacontos a mañá do 21 de agosto. O último sábado de xullo, o Mago Teto actuará na Casa da Cultura para todos os públicos e haberá outro espectáculo de maxia o día 18 de agosto.

O programa de eventos complétase coa Romaría de San Lourenzo o 10 de agosto en Cereixa​, e o 28 de xullo a presentación da novela Pillabán, Pillabán na que o seu autor Amador Castro Moure relata a historia de María Castaña, oriúnda de Cereixa. 



RELATED POSTS