'As aventuras de Nabiza Girl' con Isabel Risco inaugura la programación de Navidad en Guimaralia

'As aventuras de Nabiza Girl' con Isabel Risco inaugura la programación de Navidad en Guimaralia

18 Diciembre 2025/concello/Cultura
  • Comeza este domingo unha ampla oferta cultural e de lecer que continuará ata o 5 de xaneiro
  • Haberá teatro, música, literatura e máis para todas as idades e gustos

Este domingo 21 de decembro Isabel Risco presenta na Pobra do Brollón As aventuras de Nabiza Girl: O estraño caso da cultura minguante. Con este espectáculo, que terá lugar ás 20:00 horas na Casa da Cultura 'Olga Novo', arranca a programación de Nadal do Concello da Pobra do Brollón.

Isabel Risco volve meterse na pel da súa personaxe máis coñecida e querida para enfrontarse a un dos seus maiores retos: combater cos seus superpoderes e unha gran dose de retranca a desaparición progresiva da cultura galega. Unha aventura trepidante e divertidísima, na que Nabiza Girl contará coa colaboración de Don Galizo, interpretado por Alberte Bello, que porá todo tipo de atrancos cómicos.

Ademais, na fin de semana hai outros dous eventos culturais en diferentes localidades da Pobra do Brollón. O sábado 20 ás 18:30 en Parada dos Montes, o espectáculo de narración oral 'Bailen as vellas', con Vero Rilo e Atenea García, organizado pola Asociación veciñal de Parada. O domingo ás 13:00 en Trasmonte, Vilachá de Salvadur, presentación do poemario 'Agora, eu cariota' de Xosé Gago, organizada pola editorial Laiovento.

A programación municipal continuará o día 26 cun espectáculo para público infantil: o Consertasso na horta. Brais das Hortas ofrecerá música e humor para toda a familia nun concerto no que a Santa Compaña aparece entre as patacas cantando un trap, hai unha pulga punk, os caracois reivindican o reggae, os lagartos toman o sol ao son dun tumbao e os kiwis non paran de brotar bailando ska. Este ecosistema musical darase ás 17:30 na Casa da Cultura 'Olga Novo'.

A música seguirá o sábado 27 con 'Panxoliñas polas Parroquias'. O coro e demais alumnado da Escola municipal de Música Samoeiro percorrerán Saa, Piño e Canedo a partir das cinco da tarde, para interpretar nas igrexas parroquiais cantos de Nadal e repertorio festivo.

Ao día seguinte, domingo 28, tamén na Casa da Cultura 'Olga Novo', terá lugar un concerto de Peitoescuro, no que interpretará temas do seu álbum debut Semente na fenda, unha proposta arraigada nas terras do Courel e da Ribeira Sacra e que bebe da tradición folclórica ibérica.

Previamente ao concerto, a partir das 16:00 da tarde, tamén na Casa da Cultura, estará aberto o Mercado Circular de Nadal, cunha ducia de postos de produto local e artesanía na Casa da Cultura. Esta proposta busca fomentar o consumo local e sostible nestas datas festivas.

Da noite do 31 ao día 1, A Pobra do Brollón celebrará a entrada ao 2026 cunha festa Fin de Ano a partir da 1 da mañá na Casa da Cultura. Haberá barra e baile animado polo Dúo Eclipse.

Xa no novo ano, o venres 2 de xaneiro ás 20:00 horas, a autora María José Tardaguila Sánchez presentará na Casa da Cultura a súa novela debut, 1140, libro de ficción histórica sobre o Camiño de Santiago do século XII acerca dos perigos que ameazaban aos peregrinos na época.

A programación de Nadal chegará ao seu fin o 5 de xaneiro coa tradicional cabalgata dos Reis Magos, a partir da 5 da tarde cun percorrido pola Pobra do Brollón que rematará na Casa da Cultura 'Olga Novo' coa entrega dos agasallos.

A maiores destes eventos, a Biblioteca municipal 'Antonio Reboiro' organiza obradoiros de Nadal destinados a nenos e nenas entre 4 e 12 anos. Terán lugar os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro e 2 de xaneiro, en horario de mañá. O prazo para inscribirse remata este xoves 18 de decembro.

Todos os eventos son de entrada libre. Pódese consultar máis información e actualizacións da programación na páxina web (concellodapobradobrollon.gal) e redes sociais (facebook.com/APobradoBrollon e instagram.com/guimaralia) do Concello da Pobra do Brollón.



RELACIONADO