O programa formativo 'E para Dixitalizarse, Lugo' ofrece na Pobra do Brollón dous cursos co obxectivo de capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas. A través de accións formativas presenciais gratuítas as persoas participantes terán orientación para a aprendizaxe das TIC para mellorar a súa vida cotiá.
Serán dous cursos que terán lugar ao longo de xaneiro de 2026 en horario de mañá (de 10:00 a 13:00 horas) na Casa da Cultura 'Olga Novo'.
O curso 'O teléfono móbil, primeiros pasos' será os días 12–16 e 19 e 20 de xaneiro. O obxectivo é que as persoas participantes se familiaricen co uso básico do teléfono móbil, aprendendo dun xeito sinxelo e práctico a manexar as súas funcións esenciais: como configurar o dispositivo, utilizar aplicacións de uso cotián como a mensaxería instantánea, as redes sociais ou os mapas, e aplicar medidas de seguridade básicas para un manexo responsable.
O segundo curso é 'Firma digital / Ch@ve 365 / Certificados varios. Aplicacións do Sergas, facenda. Actuar ante as administracións públicas, sede electrónica'. Este curso ten lugar os días 21, 22, 23 e 26–29 de xaneiro. O obxectivo é que as persoas participantes aprendan, dun xeito sinxelo e práctico, a desenvolverse no contorno dixital das administracións públicas.
A inscrición nos cursos realízase a través da páxina web do programa aquí: https://yparadigitalizarselugo.com/gl/seleccionar-municipio/.
En caso de dúbidas, poden contactar coas oficinas de Servizos Sociais do Concello da Pobra do Brollón no teléfono 982430447.

