O Concello da Pobra do Brollón conmemora este sábado 17 de maio co Festival das Letras, o evento que cada ano por estas datas celebra a Escola municipal de Música Samoeiro.
Este ano co día das Letras Galegas dedicado ás cantareiras e á poesía popular oral, o festival, que xira arredor da musica tradicional, cobra especial sentido. Actuará a Coral Polifónico Samoeiro e alumnado dos grupos de canto e pandeireta, gaita e baile.
O Festival das Letras será a partir das 19:00 horas na Casa da Cultura 'Olga Novo', con entrada libre.
O evento dará paso a unha segunda quincena de maio con varias citas na Pobra do Brollón relacionadas coas Letras Galegas.
Haberá dúas presentacións de libros, empezando o luns 26 de maio, cando o poeta Mario Obrero, acompañado por Olga Novo e Xurxo Ayán, presentará o seu novo libro, Con e de curcuspín. O venres desa mesma semana, día 30, presentarase O Inframundo, novela de aventuras de Guillelme Denís Castillo ambientada na Cova das Choias.
O mes remata o sábado 31 coa obra de teatro Alma de Grilo de Ítaca Teatro, baseada no libro homónimo de María García. As tres citas serán ás 20:00 horas na Casa da Cultura 'Olga Novo' e son de entrada libre.
Toda a información da programación cultural pódese consultar na páxina web do Concello da Pobra do Brollón, así como no seu perfil de Facebook (facebook.com/apobradobrollon) e de Instagram (@guimaralia).