Coñece o teu camiño, paso a paso

Camiño de Inverno A Pobra do Brollón

Coñece o teu camiño, paso a paso

10 Setembro 2019/concello/Xeral

O Concello da Pobra do Brollón organiza unha serie de rutas polo Camiño de Inverno dende Nocedo ata Santiago de Compostela. Baixo o nome de ‘Coñece o teu camiño, paso a paso’, esta iniciativa realízase a través do plan ‘O Teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia para dinamizar de xeito participativo o Xacobeo 2021.

Para fomentar a participación, as etapas son sempre inferiores aos 19 km. A metade das dez etapas están programadas para setembro e outubro deste ano e a outra metade, para marzo de 2020. Este ano camiñarase dende San Lourenzo de Nocedo (Quiroga) ata Rodeiro, provincia de Pontevedra. En marzo de 2020 completarase o Camiño dende Rodeiro ata Santiago de Compostela. Consultar as datas das rutas.

Haberá un autobús que levará aos participantes ao punto de inicio e recolleraos ao final de cada etapa. As rutas realízanse cun guía turístico autorizado que acompañará aos camiñantes e fará pequenas explicacións dos lugares polos que se pasa. 

‘O Camiño de Inverno é un pilar da estratexia turística para dinamizar economicamente o noso concello. Con esta iniciativa, as e os veciñas e veciños poderán vivir a experiencia de primeira man de facer o Camiño, algo que pode facilitar a integración e o intercambio cos peregrinos que pasan por terras guímaras,’ comenta o alcalde Xosé Lois Maceda. Tamén recorda que ‘como parte desta estratexia, estamos no proceso de procurar a cesión e conversión do antigo cuartel da garda civil da Pobra para establecer un albergue para peregrinos.’ 

Camiñar e máis

As xornadas comezarán ás 8 da mañá, hora de saída do bus da Pobra do Brollón, concretamente dende o antigo cuartel da garda civil. A idea é completar as rutas sobre a hora de comer. Para o xantar, os participantes poden levar a súa propia comida ou ben comer nun restaurante local no lugar de finalización da ruta, unha opción que se ofrecerá en cada etapa. Informarase previamente do nome do restaurante e do prezo por persoa. 

Tralo xantar, o obxectivo é visitar algún lugar de interese na zona, antes de volver á Pobra do Brollón. O lugar a visitar tamén se dará a coñecer previamente a cada ruta.

Como participar

A participación nas rutas é gratuíta. Os interesados deben contactar antes do mércores da semana da ruta. Hai que inscribirse por WhatsApp no teléfono 650624828 indicando o nome completo, DNI, e a etapa (ou etapas) nas que se queira participar. Tamén hai que indicar se están empadroados ou non no concello da Pobra, xa que as persoas empadroadas teñen prioridade para o bus. A praza do bus resérvase por orde de inscrición. En caso de non completarse as 50 prazas do bus, poderán participar veciños doutros concellos. En todo caso, o xoves antes de cada ruta, confirmarase a praza aos non empadroados. En caso de non querer facer uso do bus e organizarse con coche particular, deben indicalo na mensaxe de WhatsApp. 

Datas das rutas



RELACIONADO