Confírmase a segunda campaña de escavación en Os Conventos, Vilachá de Salvadur

Confírmase a segunda campaña de escavación en Os Conventos, Vilachá de Salvadur

Xullo 07/concello/Xeral

Un equipo multidisciplinar realizará a partir da segunda quincena de xullo unha campaña arqueolóxica no lugar de Os Conventos, en Vilachá de Salvadur, A Pobra do Brollón.

Trátase da segunda escavación neste lugar, trala primeira campaña que realizouse con éxito na primavera de 2019. A intervención está enmarcada no proxecto etnoarqueolóxico Adegas da Memoria, que busca a recuperación da memoria colectiva da parroquia de Vilachá, en plena Ribeira Sacra.

O proxecto naceu a principios do ano pasado grazas á colaboración entre o Concello da Pobra do Brollón e a Asociación de Veciños de Vilachá, coa incorporación este ano da Consellería de Cultura e Turismo a través da Dirección Xeral de Patrimonio. Tamén participan a Universidade Nova de Lisboa e o Incipit-CSIC.

A Xunta de Galicia financia a actuación deste ano cunha achega de 18.510 €. A Asociación de Veciños encárgase de rozar o acceso ao xacemento e o Concello ocúpase de gastos de loxística da campaña.

“Que un proxecto que nace dende os veciños acabe acadando financiamento autonómico é algo moi positivo. Sinala que a aposta municipal pola arqueoloxía en comunidade vai por bo camiño e que un modelo de abaixo cara arriba é posible,” sinala Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón.

O presidente da Asociación de Veciños de Vilachá, José Castiñeira, comenta: “Para nós é un orgullo que un proxecto promovido dende a veciñanza figure entre os poucos proxectos nos que participa a Dirección Xeral de Patrimonio neste ano tan complicado a todos os niveis”.

Trala pista dos veciños 

Os arqueólogos tiveron noticia de Os Conventos a través dos veciños de Vilachá, que falaban dun antigo mosteiro no lugar. 

Seguindo a lenda, decidiuse facer unha intervención arqueolóxica en maio de 2019 que confirmou a ocupación medieval do lugar. Nos últimos compases da intervención, confirmouse o carácter sagrado de Os Conventos, ao aparecer un estraño enterramento que a análise por carbono 14 datou no século X.

Para este ano, os técnicos centrarán a campaña na procura de posibles novos enterramentos, que indicarían que se trata dunha necrópole e non dun enterramento illado. Por outra banda, os arqueólogos contan con poder entender mellor os límites e estrutura do xacemento, que está moi ligado á construción das terrazas de cultivo da ribeira.

O arqueólogo director, Xurxo Ayán, explica a complexidade da intervención: “Trátase dun xacemento que tivo moitos cambios ao longo da historia. Hai moitos muros, pero non todos son da mesma época e os límites son difusos porque se mesturan coas  muras dos socalcos.”

Esta complexidade do xacemento outorga un grande interese. “É enormemente interesante a oportunidade que ofrece este enclave para estudar as orixes e evolución da Ribeira Sacra, o que pode ter gran repercusión na candidatura a Patrimonio da Humanidade,” apunta Ayán.

A investigación cotexa os achados arqueolóxicos, a documentación medieval e a tradición oral dos veciños para investigar a evolución histórica de Os Conventos.

Un proxecto poético e comunitario

Como parte do proxecto Adegas da Memoria, ademais das escavacións en Os Conventos, promovéronse estudos para a datación dos socalcos e unha investigación etnográfica da parroquia. Tamén está previsto un estudo do conxunto de adegas tradicionais de Vilachá de Salvadur.

Todo está documentado a través dunha webserie que se organiza en torno a catro tempadas, dúas das cales xa están dispoñibles na web adegasdamemoria.com. A serie caracterízase por un ton pausado e reflexivo, e unha estética moi coidada.

“Adegas da Memoria é un proxecto que nace do amor á paisaxe e inzado de poesía. Non é doado que a poesía se instale na administración. Esta nova campaña é unha proba de que poesía, comunidade e ciencia poden ir da man e facer un camiño dende o máis baixo ao máis alto,” comenta Xosé Gago, coordinador do proxecto



RELATED POSTS