O alcalde da Pobra do Brollón califica de insidias as informacións feitas públicas polo voceiro do PSOE no concello

O alcalde da Pobra do Brollón califica de insidias as informacións feitas públicas polo voceiro do PSOE no concello

Xaneiro 12/concello/Xeral

Ante as insidias feitas públicas na prensa polo voceiro do PSOE do concello da Pobra do Brollón, esta alcaldía quere puntualizar o seguinte:

1) Non é certo que haxa preto de 200 preguntas sen resposta. As preguntas orais feitas nos plenos respóndense habitualmente no mesmo pleno, e das presentadas por escrito, salvo erro ou esquecemento puntual, que é posible, foron respondidas todas. Pode ser que algunha resposta non lle guste ao portavoz porque non o deixa en bo lugar, e que por este motivo non a faga pública.

En todo caso emprazo ao citado portavoz a que me indique que preguntas concretas están sen contestar para reenviarlle a copia da resposta xa enviada, ou se esquecemos respondela, facelo agora. En caso contrario esíxolle que retire publicamente esta insidia.

Di o citado portavoz que segundo o artigo 77 da Lei 7/1985 RBRL o concello ten a obriga de contestar ás preguntas nun prazo de 5 días naturais, o que amosa o descoñecemento, a mala interpretación ou a mala vontade de quen isto afirma.

O que di o citado artigo é que “a solicitude... (de obter cantos antecedentes, datos ou informacións obren en poder dos servizos da corporación) haberá de ser resolta motivadamente nos cinco días naturais seguintes a aquel no que se presentara”. Está claro que se refire ao dereito de acceso aos expedientes, e non á resposta ás preguntas, xa que a resposta non “obra” nos servizos da corporación, se non que pola súa propia natureza debe de ser elaborada despois de estar feita a pregunta.

Pero hai que destacar tamén que o citado prazo non é para ter acceso aos expedientes que se queiran consultar, senón para que a alcaldía resolva se dá acceso ou non (neste caso motivado) a ditos expedientes. Así o di o artigo 14.2 do ROFRXEL aprobado por Real Decreto 2.568/1986 que desenrola a citada Lei.

Non consta no concello, salvo erro ou omisión, que se pedise documentación concreta que lle fose denegada. Tampouco é doado saber a que se refire xa que, como fai habitualmente, mestura preguntas con documentación.

2) Respecto aos horarios dos plenos, que segundo indica, impiden que os concelleiros poidan asistir ás sesións, teño que recordar ao portavoz do PSOE que tanto o Estatuto dos Traballadores como o dos Empregados Públicos recollen o dereito dos concelleiros a ausentarse do seu posto de traballo polo tempo indispensable para acudir ás sesións.

3) Respecto á recepción das actas, non é certo que o goberno decidiu cambiar o programa Gestiona sen previo aviso, agás que o portavoz estivese “mentalmente ausente” do pleno de 27 de marzo de 2018. Ademais, parece que non sabe da entrada en vigor das Leis 39 e 40 de 2015, e do Decreto 24/2018 da Xunta de Galicia.

Todos os concelleiros da Pobra do Brollón teñen acceso directo ao programa Gestiona no que poden ver os borradores de actas, as actas definitivas e mesmo todos os decretos da alcaldía, así como os expedientes completos que van a pleno. Actas ás que tamén ten acceso directo, calquera veciño que o desexe, na páxina web e no portal de transparencia.

Sabe tamén o portavoz, que desde hai máis dun ano calquera veciño, dispón nas oficinas municipais dun ordenador desde o que poder acceder a toda esa información, mesmo con axuda dos funcionarios.

Cónstame que o citado portavoz se dirixiu ao secretario manifestándolle dificultades no acceso ao programa e que este se lle ofreceu, malia estar de vacacións, a que acudira ao concello para indicarlle como tiña que acceder, ou ben a concertarlle unha cita coa empresa informática que asiste ao concello para dito fin. Pero ata agora non fixo uso de dita opción.

É máis, aínda que os grupos municipais teñen unha asignación para, entre outras cousas equipamento; a petición do portavoz do PP, o concello mercou un portátil Lenovo Intel Core para cada grupo, equipos que veñen de ser entregados no concello, estando xa ao dispor dos portavoces.

Pero debe ser certo que descoñece a lexislación citada, xa que o pasado día 7 presentou un conxunto de 30 preguntas en soporte papel, no canto de facelo electronicamente, como establece para as persoas xurídicas (grupos municipais) ou concelleiros a citada lexislación. Preguntas que serán respondidas en breve.



RELATED POSTS