A película 'María Solinha' chega a terras de María Castaña

A película 'María Solinha' chega a terras de María Castaña

Xullo 15/concello/Cultura

O próximo luns 20 de xullo, estrearase na Pobra do Brollón a película María Solinha, dirixida por Ignacio Vilar. 

O evento terá lugar na parroquia guímara de Cereixa, o lugar natal de María Castaña. Antes da proxección do filme, presentará o arqueólogo e historiador Xurxo Ayán, tamén natural de Cereixa, quen relacionará as dúas personaxes femininas históricas que simbolizan a loita e o sufrimento do pobo contra o poder.

Ademais do historiador, estará o director Ignacio Vilar, coñecido por outras películas de gran éxito como A Esmorga, Vilamor e Sicixia. Tamén estará presente a actriz protagonista Laura Míguez, que virá vestida de época, ademais dalgunha participación sorpresa. O público poderá participar nun photocall e falar cos membros do equipo da película. 

María Solinha trae ao presente a historia desta personaxe de Cangas do Morrazo que foi acusada no século XVII de bruxería e, segundo conta a lenda, queimada pola Inquisición. A película parte dun afamado director que chega a Cangas para reconstruír no teatro a historia de María Soliña. A protagonista da obra de teatro vai sufrir, no século XXI, ecos da agresión que sufriu María Soliña no século XVII.

O evento será o luns 20 a partir das 21:30 en Os Carballos, ao carón da igrexa parroquial de Cereixa. O uso de máscara será obrigatoria e respectaranse as distancias e medidas de seguridade necesarias. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo. 

O evento é promovido pola Deputación de Lugo coa colaboración do Concello da Pobra do Brollón. A proxección terá gran calidade de imaxe e son a cargo da empresa Mrmisto.



RELATED POSTS