A parroquia de Ferreiros na Pobra do Brollón volve ser escenario de brindo este sábado 19 e domingo 20 de xullo.
Brindadeira xurdiu no ano 2023 como parte dunha iniciativa do goberno municipal para recuperar a tradición do brindo, un xénero de improvisación oral cantada propio de terras da Pobra do Brollón, así como doutras zonas da montaña lucense e incluso do Bierzo.
Esta terceira edición do festival Brindadeira é novamente organizada polo Concello da Pobra do Brollón en colaboración coa asociación veciñal de Ferreiros. Toda a programación terá lugar no local social e no campo da festa parroquial.
O evento arranca o sábado 19 ás 18:30 horas cun obradoiro de brindos, dirixido a público de todas as idades. Deseguido, ás 20:00 horas comezará un espectáculo de brindo e regueifa co colectivo Erre que Erre e mais micro aberto para quen queira participar.
Ás 21:00 horas dará comezo a música cun concerto a cargo dos cantareiros de Cántigas e Frores, chegados dende Lugo, seguido dunha sesión de La Sincereza DJ para acabar a xornada bailando.
A actividade do domingo 20 empezará ás 11:30 cunha andaina pola aldea de Ferreiros guiada por veciñas e brindeiras. A andaina rematará repoñendo forzas no campo da festa onde se celebrará a I Cata de tortillas 'Brindadeira'. Quen queira pode levar unha tortilla para compartir na cata colectiva; as tres máis votadas recibirán un premio.
Toda a programación é de entrada libre e de balde.